Brasília
Capital de Brasil e do distrito federal de Brasília (5.814 km2) situada nun altiplano da rexión nordeste (1.803.478 h [1989]). A súa situación cara ao interior mostra o espírito dos seus promotores de dirixir Brasil cara á colonización dun continente practicamente baldeiro. Brasília foi oficialmente inaugurada no ano 1959. Ao ano seguinte foi declarada capital dos Estados Unidos do Brasil. O seu crecemento acelerouse debido á grande afluencia de man de obra e de funcionarios. En 1961 fundouse a Universidade de Brasília. O plano urbanístico de Brasília é obra de Lúcio Costa, discípulo directo de Le Corbusier. Costa ideou Brasília como unha cidade funcionalmente diferenciada e zonificada, aplicou os principios do máis ríxido racionalismo urbanístico mediante unha organización dos seus barrios, prestando atención ás funcións profesionais, feito co que asentou un principio de desintegración clasista. A cidade, de planta triangular, estende dous dos seus lados de xeito paralelo a un lago artificial. O eixe principal centra a vida cultural e económica. A praza dos Tres Poderes, situada na intersección do eixe principal cos lados do triángulo, acolle o núcleo da vida política do país. As construcións principais son a catedral, o palacio presidencial e o tribunal supremo, obras de Oscar Niemeyer. Nestes edificios Niemeyer utilizou os fríos esquemas racionalistas e creou unha fórmula neobarroca baseada na tradición brasileira. Empregou as estruturas sinuosas e os azulejos característicos da época colonial. As áreas residenciais están dispostas en grandes sectores, con pequenas construcións dunha soa planta, e outras en bloques máis elevados de vivendas, dispostos paralelamente; entre eles sitúanse os centros comerciais e sociais. O conxunto está atravesado por rúas e avenidas moi amplas, en previsión dunha gran circulación. Por outra banda, Brasília está favorecida pola rede de estradas abertas en dirección á nova capital dende todas as cidades afastadas do Brasil. Ten aeroporto internacional.