"San Pedro" (Contén)

Mostrando 10 resultados de 110.

  • Antigo mosteiro beneditino situado na Laracha. Documentado no s X, en 1500 o Papa Alexandre VI anexouno ao de San Martiño Pinario. Consérvase a igrexa, convertida en parroquial. Ten planta basilical de tres naves, dividida en catro tramos e cuberta con bóveda de canón, e tres ábsidas poligonais. A ábsida central é pentagonal ao exterior e está cuberta cunha bóveda de abano; accédese a ela por un arco apuntado apoiado en semicolumnas pegadas. O testeiro e as ábsidas pertencen a unha construción do s XIV.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Xinzo de Limia. Construíuse no s XVI e ten unha soa nave cuberta con falsa bóveda de canón desde 1924, despois de que en 1915 un incendio destruíra a cuberta de madeira. O retablo maior é barroco e destaca a imaxe do Santo Cristo (s XVII) da sancristía. No seu contorno hai tres cruceiros, dos que destaca o que está en fronte da igrexa e que data do s XVIII.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo mosteiro situado en Sorga (A Bola). Fundárono no s X Placencio e a súa dona Adosinda. En 949 o Rei Ramiro II converteuno en priorado de San Salvador de Celanova.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Cotobade. A súa orixe é medieval, quizais fundado a partir da ampliación do mosteiro de San Salvador de Lérez. Na desamortización de 1835 foi exclaustrado e quedou o templo como parroquia. A igrexa foi construída en varias épocas e a actual data do s XVIII. Ten unha soa nave con cuberta de madeira. A capela maior está separada polo arco triunfal e a cuberta de pedra. Na fachada principal destaca o rosetón e das dependencias monacais, o claustro de dúas alturas (s XVI).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Amoeiro. Construída no s XIII, amosa a transición do románico ao gótico. Ten unha soa nave e ábsida. Combínanse as arquivoltas apuntadas da portada cos contrafortes románicos dos muros da nave.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo mosteiro situado en San Pedro de Ermo na parroquia de Triacastela, no concello homónimo. Documéntase en 919 cando o Rei Ordoño II e a súa dona Elvira confirmaron a doazón que fixera a este mosteiro o seu avó Gatón, o fundador do mesmo. En 922 o mesmo rei doouno á igrexa compostelá.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Monforte de Lemos. Construíuse no s XII en estilo románico, do que se conserva a nave e a portada norte. Pertencía a un mosteiro que foi doado en 1078 ao mosteiro de Samos. No seu interior destaca o retablo maior de estilo renacentista e no exterior a espadana de dous corpos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Basílica de Roma, a máis grande das catro basílicas maiores, construída en substitución da antiga basílica que Constantino erixiu no s IV sobre a tumba de san Pedro no Vaticano. Nicolao V (1447-1455) encargou un proxecto, con planta de cruz latina, a L. B. Alberti e B. Rossellino. Baixo Xulio II (1503-1513), Bramante iniciou as obras, cun proxecto de planta central. No pontificado de Sisto V (1585-1590), un novo cambio de proxecto deulle á planta forma basilical cruciforme por medio dunha nova nave que construíu C. Maderno, autor tamén da fachada. A obra foi continuada e retocada sucesivamente por Rafael, Peruzzi, Sangallo e, finalmente, por Miguel Anxo. Á morte deste (1564) faltaba unicamente a cúpula, que foi acabada en 1614 e consagrada por Urbano VIII (1626). G. L. Bernini, baixo Urbano VIII e Alexandre VII, construíu o baldaquino de bronce con columnas salomónicas (1633), a cátedra e a gran praza elíptica porticada (1657-1667). A última obra importante foi a sancristía, de C. Marchioni...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo mosteiro de monxas beneditinas situado en Dozón. Segundo unha inscrición da ábsida da igrexa, foi realizado en 1154 por Goto Suárez e co apoio de Afonso VII. No s XVI pasou a depender do mosteiro de San Paio de Antealtares. Consérvase a igrexa de estilo románico, cunha soa nave de planta reactangular e ábsida semicircular con características cisterciense que marcan a transición cara ao gótico. A fachada principal está formada por unha porta, enmarcada entre contrafortes, de arquivoltas lixeiramente apuntadas sobre a que se estende un beirado de canzorros. A parte superior do muro da fachada norte está percorrida por unha sucesión de arquiños. Está dividida en tres lenzos separados por contrafortes onde se sitúan a porta de entrada, semellante á da fachada principal, e dúas ventás. Nesta fachada hai unha espadana de dous vans.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Xurenzás (Boborás). Ten nave única, á que se lle suman dous corpos rectangulares, e cuberta a dúas augas. Presenta decoración de oxivas e ten dous baldaquinos góticos apoiados nos muros da igrexa e da capela maior. Tamén destaca un dos capiteis interiores, de estilo bizantino.

    VER O DETALLE DO TERMO