"car" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 3676.

  • GALICIA

    Escritor e músico. Estudiou a carreira de perito e profesor mercantil, e realizou estudios musicais na Coruña. Foi arquiveiro e bibliotecario na Asociación Musical Andrés Gaos e director da coral Galicia Nova. Como musicólogo publicou, entre outros traballos: Música popular galega e coros no ano 70 (1971), O romance popular galego e a nosa música (1972) e Dúas músicas galegas: a popular e a popularizada (1972). Escribiu a música para a peza de Manuel Lourenzo Edén, representada pola Escola Dramática Galega en 1980, e realizou a adaptación teatral de Paco Pixiñas e A nave espacial, sobre textos de Celso Emilio Ferreiro e Isaac Díaz Pardo para O Facho (1977), en colaboración con Xosé Manuel Rabón. Tamén traduciu varias obras: Conto dos cinco camiñantes, de I. García para Tespis (1979) e O retábulo da peste, de I. Bergman para O Facho (1979).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Cartelle. Construída en estilo barroco no s XVIII, pertenceu á orde do Temple e estivo baixo a xurisdición do arciprestado de Quiroga, en Lugo. Ten planta basilical de tres naves. No interior destaca o altar maior e no exterior a fachada barroca con frontón curvo e partido, óculos e tres portas. Posúe unha torre barroca, composta por un primeiro corpo prismático, un balcón con balaustrada, un corpo para acoller as campás e un remate articulado en dous corpos, onde se sitúa o reloxo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PARROQUIA

    Parroquia do concello de Carballedo baixo a advocación de santo Estevo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Situado en San Estevo de Cartelos (Carballedo) foi construído ao longo de diferentes épocas, sobre todo durante o s XVIII, sobre unha antiga casa torre. De planta rectangular, organízase ao redor dun patio tamén rectangular que conserva un corredor nos lados maiores e unha escaleira nun lateral. Nos salóns e corredores interiores consérvanse pinturas ao temple a base de grecas e paxaros, obra de Castinande. Ten unha capela do s XVIII.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Acción e efecto de cartearse.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Caixa, xeralmente metálica, que protexe certos mecanismos.

    2. Caixa metálica, de fundición ou de aluminio fundido, que contén o cegoñal, as bielas e os pistóns e, en moitos motores de catro tempos, todos os órganos da distribución; a súa función é a de protexer todos estes elementos do po e da auga. Consta de dúas partes: o cárter superior e o cárter inferior; este último serve como depósito de aceite nos motores de catro tempos e de cámara para a admisión e a compresión preliminar da mestura nos de dous tempos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Novelista e ensaísta. Intentou explicar o mundo contemporáneo empregando técnicas da ciencia ficción ou da novela gótica, como acontece en The Magic Toyshop (A tenda de xoguetes máxica, 1967). Da súa produción destacan as novelas The Passion of the New Eve (A paixón da nova Eva, 1977), Nights at the Circus (Noites no circo, 1984) e Wise Children (Nenos prudentes, 1991).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Lester Carter.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Compositor. Estudiou con Walter Piston e con Nadia Boulanger. Na súa primeira etapa estivo influído por Igor Stravinskij e Paul Hindemith. A súa escritura, libremente atonal, e as solucións harmónicas e rítmicas que achegou, influíron na escola moderna norteamericana. Na súa produción destacan as pezas Variacións para orquestra (1955), o Segundo Cuarteto para cordas (1959), o Concerto para clavecín, piano e dúas orquestras de cámara (1961), o Concerto para piano e orquestra (1965), a Sinfonía para tres orquestras (1977) e o Triple dúo (1982), para orquestra.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Exiptólogo británico. Desde 1891 escavou en diversos lugares de Exipto, sobre todo no Val dos Reis. En 1922 fíxose famoso por mor da descuberta da tumba de Tutankamon, que atopou cando traballaba en colaboración con George Herbert, quinto conde de Carnarvon. Publicou The Tomb of Tutankhamen (A tumba de Tutankamon, 1923-1933).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Político norteamericano, coñecido co nome de Jimmy Carter. Propietario rural, foi senador por Georgia polo partido demócrata (1962-1966), e gobernador deste estado (1971-1974). En 1976 foi elixido presidente dos EE UU. Durante o seu mandato (1977-1981), impulsou os acordos de Camp David entre Israel e Exipto e concertou con Torrijos o tratado que fixaba para 1999 a devolución a Panamá do canal interoceánico. En 1979 firmou con Brežnev os acordos SALT II, que non foron ratificados polo Senado estadounidense, polo que se incrementou a tensión coa URSS, sobre todo despois da invasión soviética de Afganistán. Trala súa retirada da actividade política, interveu como mediador en diversos conflitos internacionais, como aconteceu en Haití en 1994 ou en Rwanda en 1995.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Músico. Destacado virtuoso do saxofón contralto, formou parte de numerosos grupos de jazz ata que en 1932 formou o seu propio grupo, disolto en 1934. Os seus arranxos teñen un grande interese desde o punto de vista rítmico.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Bispo con sé probablemente en Galicia. Aínda que con datos dubidosos, afírmase que combateu os partidiarios de Prisciliano; en vinganza, estes acusárono de pecado por contraer matrimonio antes e despois do bautismo. Parece ser que tivo que viaxar a Roma para defenderse e contou coa axuda de san Xerónimo. Atribúenselle escritos contra os priscilianistas e unha Defensa da sagrada virxinidade de María.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • MUNICIPIOS

    Municipio da Comunidad Autónoma de Cantabria, na beira esquerda do río Besaya (2.954 h [1996]). A súa economía baséase no sector primario, concretamente no cultivo de hortalizas, na cría de gando e na avicultura. No municipio hai xacementos mineiros, principalmente de ferro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Conxunto de doutrinas elaboradas por Descartes. En Francia difundiuse a pesar da oposición do Santo Oficio, da prohibición real de ensinalo (1671) e da oposición de atomistas, empiristas e xesuítas. A rama máis vigorosa desta doutrina foi a de Malebranche. Tamén tivo seguidores nos Países Baixos (Heerebord e Lambert), Alemaña (Clauberg) e Italia (Fardella) durante os ss XVII e XVIII. Neste último século manifestouse a oposición contra o cartesianismo por parte dos filósofos defensores da nova filosofía natural, centrada en aspectos como a física mecanicista (dinamismo de Leibniz e a mecánica de Newton) e o innatismo (Locke e Berkeley). Con todo, a influencia cartesiana fíxose sentir ata o s XX, tal e como aparece plasmado no libro de Husserl Méditations Cartésiennes (Meditacións cartesianas, 1931).

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo a Descartes, ás súas teorías ou á súa filosofía.

    2. Partidario da filosofía de Descartes.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mesa cadrada ou redonda feita de mármore e cun só pé. Tamén coñecida co nome de cartibulum, era propia da casa grega e romana, e estaba situada no atrio.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Navegante bretón. Francisco I de Francia encargoulle a busca do paso do NO cara ás Indias. En 1534 saíu de Saint-Malo e tocou terra canadense en Gaspé, onde estableceu contactos cos indios, feito que lle deu o nome de descubridor do Canadá. En 1535 fixo unha segunda viaxe e chegou á desembocadura do río San Lourenzo, ao que lle deu este nome, e chegou ata Hochelaga, futura Montreal. En 1541 emprendeu unha terceira viaxe baixo o mando de J. F. de la Roque, con quen intentou fundar unha colonia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Fotógrafo francés. Foi axudante de dirección do realizador Jean Renoir. Colaborou cos realizadores cinematográficos René Clair e Jacques Becker, e realizou a curtametraxe Le Retour (O regreso, 1945). Especializado en reportaxes fotográficas de todo o mundo, fundou, xunto con Robert Capa e David Seymour, a axencia Magnum Photos (1947). Expuxo os seus traballos no Museum of Modern Art de Nova York (1946), en Londres (1955) e París (1967). En 1973 deixou a fotografía profesional e dedicouse exclusivamente á pintura. Da súa autoría son os libros Les Européens (Os europeos, 1955) e Photographies (Fotografías, 1963), entre outros.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Tecido de sostemento modelado, chamado tamén tecido cartilaxinoso. De orixe mesodérmica, é resistente, elástico e deformable. Está constituído por condrocitos (células cartilaxinosas) e por unha substancia intercelular formada por fibras coláxenas e por un cemento amorfo. Carece de vasos sanguíneos, polo que ten unha escasa actividade metabólica. Existen tres variedades: a cartilaxe hialina, que no ser humano forma unha gran parte do esqueleto embrionario, o revestimento das superficies articulares do adulto, as cartilaxes costais e a maior parte dos elementos que forman o esqueleto das vías respiratorias; a fibrocartilaxe, que forma os discos intervertebrais, a sínfise púbica e algunhas partes dos labros articulares e dos meniscos; e a cartilaxe elástica, que forma a orella externa, a trompa de Eustaquio, a epiglote, as pequenas cartilaxes da larinxe e as cartilaxes máis pequenas dos bronquios.

    2. Calquera das pezas formadas por tecido cartilaxinoso.

    VER O DETALLE DO TERMO