Capital de Suecia e do län homónimo, situado no lago Mälar, preto da costa do Mar Báltico, rodeado por unhas vinte illas (736.113 h [1999]; 1.624.987 h [1999] na aglomeración urbana). A cidade construíuse no continente e sobre un grupo de illas que están unidas por pontes. O núcleo primitivo é o Staden Mellan Broarna (‘cidade entre as pontes’), formado polas illas de Stadsholmen, Riddarholmen, Helgeandsholmen e Strömborg, onde se concentran a maioría dos órganos de goberno. A partir de 1952 o organismo urbanístico rexional que dirixe a expansión de Estocolmo e da área metropolitana planificou o crecemento da cidade por medio da creación de centros suburbanos con áreas industriais propias, equipadas xeralmente cun extenso centro comercial e de servicios. Entre estas aglomeracións destacan Wällingby ao O, Farsta ao S e Hägernästaden ao N. Estocolmo é o centro da vida económica do país, cunha grande actividade comercial e unha industria moi diversificada. Destaca a fabricación de...