Estocolmo

Estocolmo
Nome científico: [sueco: Stockholm]

Capital de Suecia e do län homónimo, situado no lago Mälar, preto da costa do Mar Báltico, rodeado por unhas vinte illas (736.113 h [1999]; 1.624.987 h [1999] na aglomeración urbana). A cidade construíuse no continente e sobre un grupo de illas que están unidas por pontes. O núcleo primitivo é o Staden Mellan Broarna (‘cidade entre as pontes’), formado polas illas de Stadsholmen, Riddarholmen, Helgeandsholmen e Strömborg, onde se concentran a maioría dos órganos de goberno. A partir de 1952 o organismo urbanístico rexional que dirixe a expansión de Estocolmo e da área metropolitana planificou o crecemento da cidade por medio da creación de centros suburbanos con áreas industriais propias, equipadas xeralmente cun extenso centro comercial e de servicios. Entre estas aglomeracións destacan Wällingby ao O, Farsta ao S e Hägernästaden ao N. Estocolmo é o centro da vida económica do país, cunha grande actividade comercial e unha industria moi diversificada. Destaca a fabricación de papel, compoñentes eléctricos, material de imprenta, tecidos e compostos químicos. As súas orixes sitúanse nunha fortificación de mediados do s XIII construída para defender as cidades de Sigtuna e Uppsala das numerosas expedicións de saqueo dos carelianos. En 1252, o rexente Birger Jarl converteuna na súa capital. Integrada no 1520 no Reino de Dinamarca por Cristián II, non adquiriu totalmente a función de capital ata a época de Gustavo Vasa, que a liberou da dominación da Liga Hanseática (1523). En 1925 tivo lugar a Conferencia de Estocolmo, que reuniu os representantes do chamado “cristianismo práctico” coa finalidade de estudar baixo a óptica evanxélica diversas cuestións económicas, sociais e internacionais con vistas á unidade dos cristiáns. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outras obras, a Storget i Gamla Stan ou cidade antiga; a Storkyrkan, catedral do s XIII; a Riddarholmskyrkan (s XII-XV), mausoleo dos reis suecos; o Riddarhuset (1641-1701); o Stockholms Slott; a casa do concello deseñada por Ragnar Östberg (1923-1932); os xardíns e pavillóns de Drottningholm; e o Nationalmuseum, aberto en 1792.