Chrétien de Troyes

Chrétien de Troyes

Escritor francés. Foi un dos primeiros autores en langue d’oïl e gozou da protección de María de Champagne e Filipe de Alsacia, conde de Flandres. Considérase un dos pais da novela moderna debido á mestría coa que cultivou o xénero narrativo do roman cortés; así mesmo, foi o iniciador dos denominados romans artúricos, nos que se contaban as aventuras dos cabaleiros do Rei Artur. As súas obras, caracterizadas polo emprego do octosílabo pareado, adoptan como principio de construción poética a adecuación de matière e sens -é dicir, da historia contada e da súa elaboración discursiva- para acadar unha belle conjointure ou harmonía compositiva. Dende o punto de vista ideolóxico, adaptou as esixencias da fin’amors provenzal ás ficións de ambiente bretón co fin de conciliar a concepción do amor como proceso de perfeccionamento moral coa rixidez do código cabaleiresco, que impoñía o servizo aos débiles como primeiro deber dun cabaleiro; froito do difícil equilibrio entre a dedicación excesiva ás armas e o esquecemento destas (recreantisse) a prol da compañía feminina, mesmo no caso do matrimonio, xorde o conflito entre a parella amor e militia, tendencias vitais que encarnan os protagonistas das súas obras. Da súa produción consérvanse cinco romans: Erec et Enide (1165-1170), Cligès (1170-1176), Yvain ou le Chevalier au Lion e Lancelot ou le Chevalier de la Charrette (1177-1181) e Perceval ou li contes.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Champagne

  • Deceso

    Lugar : Troyes