Churchill, Winston Leonard Spencer
Político e escritor inglés. Fillo de Randolph H. S. Churchill. Ingresou no exército (1895) e foi correspondente de guerra para o xornal londinense Morning Post. Deputado conservador (1900), abandonou o seu partido para unirse aos liberais. Como subsecretario de estado para as colonias (1906) defendeu a Home rule irlandesa e a concesión da autonomía aos bóers. Foi ministro de Comercio (1908-1910) e do Interior (1910-1911) e primeiro lord do Almirantado (1911-1915). Posteriormente, exerceu como ministro de Municións (1917) e da Guerra (1919-1922). En 1924, en oposición ao que estaba a acontecer coa Revolución Rusa, volveu ao partido conservador. Nos anos trinta demandou con insistencia unha política de oposición ao expansionismo hitleriano. Ao desencadearse a Segunda Guerra Mundial foi nomeado primeiro ministro (1940). No exterior, malia as súas difíciles relacións con Stalin, cooperou coa URSS cando foi atacada por Hitler e apresurouse a establecer a Grande Alianza cos EE UU (1941), con quen asinou a Carta do Atlántico (agosto de 1941). Foi uns dos promotores do desembarco en Normandía (6 de xuño de 1944). Na Conferencia de Yalta (febreiro de 1945) esforzouse por impedir que Europa oriental quedara baixo o control ruso. Vencido nas eleccións de 1945, volveu ao poder entre 1951 e 1955. Dos seus libros, que lle valeron o Premio Nobel de Literatura en 1953, destacan a biografía sobre o seu pai Lord Randolph Churchill (1906), The World Crisis (A crise mundial, 1923-1931) e The Second World War (A Segunda Guerra Mundial, 1948-1954).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Blenheim Palace, Oxford -
Deceso
Lugar : Londres