Chuvaxos, República dos
República de Rusia (18.300 km2; 1.361.900 h [estim 1999]). A capital é Ceboksary (429.000 h [1990]). Ocupa os altiplanos da marxe dereita do curso medio do Volga. O clima é continental frío, con temperaturas medias de 12-13°C en xullo e de -19°C en decembro, cunha pluviosidade anual que oscila entre os 400 e os 500 mm. A rede hidrográfica está constituída polo río Volga, límite setentrional da república. As grandes extensións de bosques de coníferas permiten a súa explotación forestal. Na composición étnica da poboación predominan os chuvaxos (68%), aínda que tamén hai rusos (26%) e tártaros (3%). As principais actividades económicas son a agricultura (cereais e patacas), a gandería (bovina), a industria (madeira, maquinaria e química) e principalmente a produción de enerxía eléctrica.