Cibrán de Antioquía, san

Cibrán de Antioquía, san

Mártir cristián. Segundo conta a lenda, ao nacer foi consagrado ao demo polos seus pais. Co tempo adquiriu poderes satánicos e converteuse en meigo. Cibrán o Mago coñeceu en Antioquía unha doncela cristiá, Xustina, da que se namorou. Ao non ser correspondido, recorreu ás súas malas artes para seducila pero Xustina logrou librarse da influencia demoníaca grazas ao sinal da cruz. Tamén Cibrán foi quen de coñecer a graza divina logo de se persignar; daquela, acudiu ao bispo de Antioquía para recibir o bautismo, foi ordenado diácono e consagrado bispo, e fundou un mosteiro no que nomeou abadesa a Xustina. Pero, ao pouco, ambos os dous foron encarcerados e martirizados por orde de Diocleciano; ao saíren das torturas sen mal ningún, foron enviados a Nicomedia e decapitados sete días despois. A reforma litúrxica posterior ao Concilio Vaticano II eliminouno do calendario romano.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Antioquía