ciclismo

ciclismo

(

Uso deportivo da bicicleta. As primeiras referencias aparecen en gravados no templo de Luxor, no antigo Exipto (época de Ramsés II, ao redor do 1340 a C). A invención da bicicleta foi o resultado dun proceso moi laborioso, caracterizado pola incorporación de elementos que foron perfeccionando o que, nun primeiro momento, non foi máis ca unha especie de cabalo de madeira de formas revolucionarias, inventado en 1790 por De Sivrac para gozo dos seus fillos. Aquel xoguete, bautizado como “celerífero” ou “velocífero”, constaba dun soporte con dúas rodas que se impulsaba arrastrando os pés no chan e que só se podía desprazar nunha única dirección, xa que o seu eixe anterior era ríxido. O alemán K. F. Drais von Sauerbronn incorporou en 1816 unha roda dianteira móbil, “a Draisiana”, que ía introducir a gran vantaxe de poder manexalo en todas as direccións. A principios do s XIX adaptáronse á roda dianteira uns pedais fixos, co que se logrou a independencia de desprazamento e unha certa velocidade, nun aparello que chegaba aos 40 kg de peso. Co desexo de aumentar a prestación da velocidade, o francés Michaux ideou a colocación dunha roda dianteira máis grande, que chegou case aos 2 m de diámetro. Para tratar de dotalo de maior estabilidade adaptouse unha terceira roda atrás, e así naceu o triciclo, que foi substituído en pouco tempo, especialmente no mundo da primitiva competición, pola bicicleta. Os sucesivos elementos de mellora do enxeño (o desprazamento da tracción á roda traseira cunha transmisión por medio da cadea; o invento de Dunlop da cámara pneumática nas rodas ou o piñón libre que permitía pedalear de xeito discontinuo e recuperar enerxías nas baixadas) constituíron unhas medidas de perfeccionamento que levaron á bicicleta a converterse nun instrumento de deporte de altísima competición e de sofisticada fabricación. Da construción artesanal pasouse á bicicleta experimental, coa que se tentaban superar marcas, construída a base de titanio, plástico, fibra de vidro, aluminio, e que apenas sobrepasa os 5 kg.
Modalidades das competicións ciclistas
A práctica do ciclismo distingue cinco modalidades esenciais: o ciclismo por estrada, o ciclismo en pista, o ciclocrós, o trial e a bicicleta de montaña ou mountain bike.
Ciclismo en estrada
A práctica do ciclismo en estrada é a que máis expectación levanta, tanto no ámbito profesional como afeccionado. Comprende catro especialidades básicas, e en todas elas se proclama vencedor o corredor que completa o percorrido establecido no menor tempo. A primeira é a carreira con saída en liña dos participantes, que adoita ter unha duración dun día e que se denomina clásica; as máis importantes son o Tour des Flandres (que se disputa dende 1913), a Frecha Valona (dende 1936), a Milán-San Remo (1907), a volta a Lombardía (1905) e a Bordeos-París (1891). En 1989 estableceuse unha competición que aglutinaba varias destas probas, a Copa do Mundo; ademais, dende 1927 celébrase anualmente o Campionato do Mundo de Fondo en Estrada. Outra especialidade son as carreiras contrarreloxo, nas que os participantes toman a saída individualmente cunha intermitencia previamente determinada; dende 1994 dispútase o Campionato do Mundo desta especialidade. En terceiro lugar, as competicións de montaña ou premios da montaña constitúen probas específicas que se disputan sobre un itinerario que inclúe unha serie de tramos, clasificados en distintas categorías segundo as dificultades da ascensión; entre as máis espectaculares está a Subida ao Montjuic, en Barcelona. As carreiras por etapas constitúen a variedade máis popular; dispútanse a través dun territorio que cobren cun número determinado de etapas, xeralmente unha cada día, dunha distancia non superior aos 300 km; tamén adoitan incluír probas contrarreloxo e cronoescaladas. Hai dous formatos esenciais dentro desta especialidade: as carreiras dunha semana (Volta a Catalunya, Volta á Comunidade Galega, Vuelta a Burgos, etc) e as grandes roldas de tres semanas; entre estas últimas destacan as voltas ciclistas a Francia (Tour, 1903), Italia (Giro, 1909) e España (Vuelta, 1935), que constitúen, por diante mesmo dos Campionatos do Mundo ou dos Xogos Olímpicos, as principais probas do calendario internacional.
Ciclismo en pista
Probas que se disputan nun velódromo, un circuíto pechado, ovalado e con curvas fortemente peraltadas. As especialidades máis sobresaíntes do ciclismo en pista inclúen as probas de velocidade, de persecución e de medio fondo. A especialidade de velocidade dispútase por medio de dúas series que enfrontan grupos de dous ou tres concursantes mediante eliminatorias. A persecución enfronta dous ciclistas que parten de puntos opostos da pista co obxecto de perseguir o contrario e superalo. As probas de velódromo ou de velocidade pura difiren totalmente das anteriores, sobre todo pola bicicleta, que está desprovista de todo aquilo que poida restarlle velocidade (non levan sistemas de freado nin cambio de pratos e piñóns).
Ciclocrós
Modalidade que se disputa en circuítos pechados non pavimentados, é dicir, no campo e nunha única carreira. O vencedor é o corredor que consegue chegar en primeira posición á liña de meta. As características da bicicleta non difiren moito das que se empregan no ciclismo en estrada. As principais competicións adoitan disputarse nos meses do inverno do hemisferio setentrional. Dende 1950 celébrase anualmente o Campionato do Mundo da especialidade, dominada por franceses, suízos e belgas.
Trial
Especialidade que ten como obxectivo completar un traxecto cheo de obstáculos, no menor tempo posible, mantendo o equilibrio sobre a bicicleta. A bicicleta de trial ten rodas máis pequenas e máis grosas ca as que se empregan no ciclismo en estrada, na pista ou no ciclocrós. Cada vez que no transcurso da proba un participante pousa o pé no chan recibe unha penalización. O vencedor é o ciclista que suma menos puntos de penalización ou, en caso de empate, o que investiu menos tempo en completar o traxecto. Os obstáculos do percorrido poden ser elementos naturais (nas probas que se disputan ao aire libre) ou artificiais (nas probas ou exhibicións que se celebran no interior de salas deportivas). Os campionatos mundiais celébranse en dúas categorías, segundo o ancho das rodas. O de 20’’ dispútase dende 1992, primeiro cunha periodicidade bianual e dende 1996 anualmente; o dominio exérceno os deportistas españois, que monopolizaron o podio mundial no 1992, 1996 e 1998 (acadaron 5 dos 7 campionatos absolutos celebrados ata o ano 2000, ademais doutras 6 medallas de prata e 5 de bronce). A hexemonía na categoría das 26’’ correspóndelle aos franceses, que venceron en todos os campionatos mundiais que se veñen celebrando dende 1996.
Bicicleta de montaña ou mountain bike
Especialidade que xurdiu a finais da década de 1980 como consecuencia da transformación técnica das bicicletas tradicionais para adecualas ás exixencias das pistas e sendas de montaña: modificáronse as transmisións e incorporáronselles ás rodas cubertas máis anchas con debuxos máis profundos. Tamén se rectificou o deseño do guiador, que adoptou a forma dunha barra totalmente perpendicular ao eixe da dirección. En principio, concibírase como bicicleta de paseo, pero axiña se organizaron os primeiros campionatos: os mundiais véñense celebrando dende 1990 e, ademais, incluíuse no programa oficial dos Xogos Olímpicos de Verán en Atlanta 1996.
Historia
A primeira competición ciclista tivo lugar en Saint-Cloud en 1868. En 1869 apareceu o primeiro regulamento para as competicións de velocípedos, atribuído a Michel Carcassonne. Desde 1881 a actividade ciclista en Francia foi coordinada pola Union Vélocipédique Française, primeira institución regulamentaria do ciclismo. O 14 de abril de 1900 fundouse a Unión Ciclista Internacional. A finais do s XIX e comezos do s XX proliferou a construción de velódromos nas principais capitais europeas e nos EE UU. É posible que a primeira gran carreira en ruta fora a París-Brest-París que, cun percorrido de 1.210 km, foi gañada polo francés Terront (1891). As primeiras probas en España coinciden tamén cos últimos anos do s XIX e foron a Salamanca-Madrid e a Donostia-Madrid, mentres que a primeira proba por etapas foi a Volta a Catalunya, xurdida en 1911; a primeira Volta a Galicia disputouse en 1933. Dende aquela, as probas multiplicáronse; o Tour francés, o Giro italiano e a Vuelta española son claros expoñentes do grao de expectación que acadou o ciclismo. Outras probas de enorme dureza polo seu trazado ou polo gran número de corredores que concorren a elas son, por exemplo, o Gran Premio das Nacións ou o Campionato do Mundo de fondo en estrada, que se celebra dende 1927.
O ciclismo galego
O ciclismo arraigou fortemente en Galicia, que goza de multitude de clubs. Entre algunhas das súas figuras están os irmáns pontareáns Rodríguez Barros. Un deles, Delio, profesional dende 1935 ata 1950, foi o primeiro gran sprinter que tivo o ciclismo español. Gañou a Vuelta a España en 1945, pero practicamente non saíu do país, pois só participou en dúas edicións da volta a Suíza; aínda así posúe, con 34 etapas, a mellor marca de vitorias de etapa na Vuelta a España. Álvaro Pino, tamén de Ponteareas, foi o segundo galego en acadar o triunfo final na Vuelta a España, en 1986. Tamén destacou o padronés Jesús Blanco Villar, que foi no ano 1985 o ciclista español que conseguiu máis triunfos; nos dous anos seguintes converteuse nun especialista en voltas curtas. Os grandes expoñentes do ciclismo galego no remate do s XX foron Marcos Serrano e Anxo Vidal, que chegaron a ser profesionais en 1993 da man de Álvaro Pino.
O ciclismo internacional

Simultaneamente ás vitorias de Delio en España, o ciclismo internacional vivía a gran rivalidade entre dous italianos, Gino Bartali e Fausto Coppi, que marcaron unha das grandes épocas da historia do ciclismo, interrompida pola Segunda Guerra Mundial. Nos anos cincuenta produciuse a primeira vitoria española na rolda máis importante, o Tour de Francia, da man do escalador toledano Federico Martín Bahamontes (1959). Nesa década destacou tamén o francés Jacques Anquetil, gañador de cinco edicións do Tour de Francia e dúas do Giro de Italia. O seu relevo na hexemonía do ciclismo mundial tomouno o belga Eddy Merckx, xunto con figuras como Luis Ocaña (segundo español en gañar o Tour, en 1973), Poulidor, Zoettemelk, Gimondi ou Van Impe. O protagonismo de Merckx pasou a finais dos setenta ao francés Bernard Hinault, quen se uniu ao grupo de gañadores do Tour en cinco ocasións. Trala retirada de Hinault en 1986, o ciclismo parecía non ter un claro dominador; Laurent Fignon, Greg Lemond e Pedro Delgado (terceiro español en gañar o Tour en 1988) compartiron con Hinault o protagonismo daquela década. Houbo que esperar ata 1991 para que xurdira a figura de Miguel Indurain, que conseguiu ser o primeiro ciclista na historia capaz de sumar cinco triunfos consecutivos no Tour de Francia.