Ciclón, El

Ciclón, El

Semanario de publicación irregular con diferentes etapas. Dedicado á crítica política e social, xurdiu en Santiago de Compostela en 1883 baixo a dirección de Xosé Peña. Subtitulouse, inicialmente, “Periódico satírico” que “Sopla todos los sábados”. Acollía seccións como “Rachas”, “Temblores”, “Telegramas”, “Borrascas Poéticas”, “Tarjetas postales” ou “Anunciomanía”. Colaboraban Alfredo Vilas, Luís Taboada e Aureliano J. Pereira. Incluíanse poemas en galego de Bieito Losada, Manuel Martínez González e Fernando García Acuña, un conto en verso de Xosé Tresguerras Melo, e poemas en castelán de Xavier Valcarce Ocampo e X. Barcia Caballero. En maio de 1889 comezou unha nova andaina cun novo subtítulo “Periódico satírico. Sopla todos los jueves”. Desta época son os poemas en galego de Adolfo Mosquera e Xavier Valcarce, á parte de varias poesías en castelán. No mes de abril de 1891 pasou a subtitularse “Periódico satírico. Sopla todos los viernes”. Publicou poemas satíricos en galego como o de Adolfo Caamaño, ao tempo que facía publicidade de libros de poemas como o de Morir amando. O fillo d’ os tronos. Cantares premiados de Heraclio Pérez Placer. A última etapa desta publicación abrangue dende xaneiro ata marzo de 1900. Contiña numerosos poemas en castelán nas seccións “Borrascas poéticas” e “Temblores”.