ciclosporina

ciclosporina
s f [BIOQ]

Nome xenérico dun grupo de metabolitos bioloxicamente activos producidos polo Tolypocladium inflatum e outros fungos imperfectos. Identificáronse nove ciclosporinas diferentes, nomeadas do A ao I; pola súa importancia destacan a ciclosporina C e, sobre todo, a ciclosporina A, dous oligopéptidos cíclicos non-polares con actividade inmunosupresora, antifúnxica e antiinflamatoria. A ciclosporina A é unha droga inmunodepresora específica dos linfocitos T, pero non perturba globalmente a resposta inmunitaria. Descubriuna o inmunólogo francés J. F. Borel en 1972. Desde 1980 estendeuse considerablemente o seu uso, demostrouse a súa eficacia para prever e combater o rexeitamento dos órganos transplantados e abriu grandes perspectivas no tratamento de enfermidades de orixe autoinmunitaria. Empregouse tamén experimentalmente no tratamento da SIDA. En doses altas ou inadecuadas a ciclosporina A ten efectos nefrotóxicos e pode orixinar tumores no tecido linfático.