Cid Menor, Xosé
Escultor. De formación autodidacta, non se adscribe a ningunha escola ou grupo artístico. Comezou realizando obras de pequeno tamaño, terracotas e tallas, para despois esculpir obras de gran tamaño, todas elas caracterizadas pola abstracción antropomórfica, o expresionismo e o clasicismo étnico. Empregou os materiais tradicionais da escultura galega: a pedra, a madeira e o bronce. As súas figuras son proporcionadas e harmónicas; nelas, o oco e a curva, xunto coas diversas texturas do material, forman as súas liñas estilísticas. É autor de diversos monumentos públicos situados nas principais cidades galegas, entre os que destacan: a estatua de Concepción Arenal, en Ferrol (1987); Breogán, na Torre de Hércules na Coruña (1995); e San Rosendo (1985), O Afiador (1997) e A Castañeira (2001), en Ourense. Realizou en 1995 o monumento Sicut inquirentes in carbonem para o Instituto de Carboquímica do CSIC en Zaragoza. Recibiu a medalla de bronce na Trienal de Arte de Santiago de Compostela (1974) e o primeiro premio de Escultura Mestre Mateo (1977).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Rabeda, Taboadela