Cid Pérez, Luís
Xogador e adestrador profesional de fútbol. Coñecido como Carriega, principiou a súa carreira deportiva no 1947 como xogador no equipo da súa vila natal, o Arnoya. Logo ingresou na Unión Deportiva Orensana (Segunda División, 1949-1950), club no que permaneceu ata a tempada 1951-1952. Seguidamente, pasou ao Rácing de Ferrol, equipo que o traspasou ao Real Oviedo dous anos despois e no que se mantivo ata a tempada 1954-1956. Nos anos 1956-1957 xogou no Burgos CF, e logo marchou ao Cartagena (Terceira División), equipo no que rematou a súa etapa de xogador en 1961; a partir de 1962-1963 fíxose cargo da dirección técnica do club murciano. Entre 1963 e 1966 traballou como adestrador en Catalunya, primeiro no CD Tarrasa (Terceira División) e despois en Barcelona, no CD Europa (Segunda División, 1965-1966). Con posterioridade, dirixiu á Unión Popular de Langreo (Segunda División,1966-1968) e o Real Spórting de Gijón (Segunda División, 1968-1969) ata 1973, equipo que logrou ascender á máxima categoría no remate da campaña 1969-1970. No 1972 pasou ao Real Zaragoza (na campaña 1973-1974 o equipo rematou na terceira posición o Campionato de Liga; na 1974-1975 proclamouse subcampión de Liga e chegou aos oitavos de final da Copa da UEFA; e na 1975-1976 foi subcampión da Copa del Generalísimo e participou por segunda vez consecutiva na Copa da UEFA). Despois marchou ao Sevilla CF (1976-1979), club co que acadou as semifinais da Copa do Rei, e foi preparador do Real Betis Balompié (1979-1981). Logo dirixiu o Atlético de Madrid (1981-1982), equipo co que conseguiu un posto para a Copa da UEFA e, posteriormente, dirixiu o Elche CF (Segunda División, 1982-1983) e o Real Club Celta de Vigo (1983-1984). De seguido, retornou ao Betis (Primeira División, 1984-1986), adestrou o Figueres CF (Segunda División, 1986-1987) e o CD Ourense.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Allariz