Cidadela, Santa María de

Cidadela, Santa María de

Antiga igrexa parroquial situada en Vilasantar. Trátase dunha capela dependente de San Martiño de Armental. A súa decoración permite datala cara ao 1225 e construíuse nun lugar onde se conservan vestixios romanos. Consta dunha nave, cuberta cun teito de madeira, e unha ábsida rectangular con bóveda de canón apuntada, reforzada por un arco faixón de igual directriz que descansa en dous capiteis-ménsulas, un deles cunha decoración de entrelazados e bólas ornadas con leves incisións. O arco triunfal é apuntado e dobrado, a rosca menor apóiase en dúas semicolumnas de bases áticas e con capiteis decorados. O capitel esquerdo consta dunha orde de follas pegadas á cesta e rematadas en pomas, co contorno resaltado por unha liña de zigzag; na parte superior asoman outras follas que recordan as de crochet, curvadas nos extremos, e que parecen un rostro humano. No capitel meridional combínanse entrelazados adornados con liñas en zigzag, follas nervadas de perfil lobulado nos espacios intermedios, e grandes pomas decoradas nos vértices. No muro sur ábrese unha porta coroada por un arco renacentista de medio punto formado por doelas de gran tamaño. Baixo os beirís consérvanse canzorros moi sinxelos aínda que cunha cabeza de trazos moi bastos, dúas cabeciñas antropomorfas e algún decorado con medias bólas.

Palabras veciñas

Cidade do Vaticano | cidadela | Cidadela | Cidadela, Santa María de | Cide | cídnido -da | cidoiro