Cíes, Illas
Arquipélago que pecha a ría de Vigo formado por tres (morfoloxicamente dúas) illas principais: a illa de Monteagudo ou do Norte; a illa do Faro ou do Medio; e a illa de San Martiño ou do Sur, ademais dunha serie de illotes menores como o de Ruso, o dos Viños, Boeiro e Carabelos. O extremo setentrional do arquipélago é a punta Escodelo, na illa de Monteagudo, a 42° 15’ 8’’ de latitude N, mentres que o confín meridional está nos illotes que rodean a illa Boeiro, situada a 42° 10’ 44’’ de latitude N. O cabo dos Bicos, no S da illa de San Martiño, é o punto máis oriental (8° 53’ 17’’ de lonxitude O) e a punta do Cabalo, no N da illa de Montegudo, é o máis occidental (8° 55’ 3’’ de lonxitude O). As dúas illas de maior extensión, Monteagudo e O Faro, presentan unha orientación N-S e están unidas por unha formación sedimentaria cuaternaria de area, a Barra de Rodas, na que se establece o sistema de dunas de Figueiras-Mixueiro e dá lugar á lagoa dos Nenos. Administrativamente, constitúe unha parroquia do concello de Vigo. O conxunto de illas e fondos mariños que forman o espazo protexido abarcan 1.000,8 ha, das que 434 ha corresponden á parte emerxida, que foi declarada Parque Natural no 1980. Debido ás importantes colonias de aves mariñas, contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves. En marzo de 2001 recibiu a máxima figura de protección ao entrar en vigor o Parque Nacional da Illas Atlánticas, no que se inclúe xunto co arquipélago de Ons.
Relevo e xeoloxía
As Cíes teñen a súa orixe principalmente en movementos acontecidos dende mediados do Terciario ao Cuaternario e que deron lugar a unha fractura, abalamento e afundimento que provocaron a separación do arquipélago do resto da costa galega. O material litolóxico predominante das illas é o granito de dúas micas. A morfoloxía queda marcada claramente pola división entre a cara occidental -de fortes pendentes e onde a vexetación e as condicións, ao se enfrontaren co mar aberto, emparentan a paisaxe con latitudes máis nórdicas- e a cara oriental, que descende ata as praias que presentan claros elementos mediterráneos. Moitos dos solos da vertente oriental posúen unha capa areosa, mesmo lonxe das praias. Isto débese a depósitos que se acumularon durante a última glaciación na que a liña de costa descendeu moito e que, ao estar seca, deu orixe a grandes praias varridas polos ventos que levaron a area polas ladeiras. A altitude máxima corresponde ao alto das Cíes, no N da illa de Monteagudo, con 188 m. Pola súa parte, a illa do Faro culmina nos 175 m do Faro de Cíes, no seu extremo sudoccidental, e a illa de San Martiño acada os 172 m de altitude no monte Pereira.
Climatoloxía e vexetación
A hidrografía está limitada a pequenos mananciais de pequena entidade e réxime irregular debido ás escasas precipitacións. Estas establécense nos 877 mm anuais, por efecto da insularidade, debido a que están moi afastadas das montañas de maior altura de Galicia, que ao ter que superalas provocan a precipitación das nubes baixas cargadas de auga. A esta menor precipitación, que provoca nas illas un período de seca maior que na costa próxima, hai que lle sumar as características areosas dos solos que dificultan a retención de auga no substrato. A distribución estacional das precipitacións amosa unha intensa seca estival, pois no verán só se recolle o 8% do volume total anual. O inverno e o outono, co 38% e co 31% das precipitacións anuais, son as épocas de maior pluviosidade, mentres que a primavera adopta un carácter de estación de transición (24% das precipitacións anuais). Con respecto ás temperaturas, a media anual acada os 13,8°C. A amplitude térmica media é de tan só 11,3°C; a temperatura media do mes máis cálido (xullo) é de 19,8°C, mentres que a do máis frío (xaneiro) é de 8,5°C. A seca estival provoca problemas de aridez entre os meses de xuño e setembro. Estes factores dan lugar a unhas condicións ambientais claramente mediterráneas que condicionan as especies naturais que se presentan (o arquipélago inclúese na rexión fitoclimática mediterránea subhúmida de tendencia atlántica). A actual cobertura vexetal das Illas Cíes pon de manifesto un avanzado estado de alteración producida pola actividade humana desenvolvida. O medio forestal é o que presenta o maior grao de transformación; a superficie arbórea autóctona, formada polo cerquiño, queda reducida a escasos e pequenos núcleos illados mentres que especies exóticas como o piñeiro e o eucalipto ocupan preto da cuarta parte da superficie do parque. Entre as clases do mato dominado polo toxo e a carpaza hai que destacar a presenza de especies de distribución mediterránea como a xesta mansa ou a esparragueira. Outros medios como as praias, dunas e acantilados aínda manteñen as súas interesantes comunidades vexetais en bo estado de conservación. Nestes espacios están as especies de alto valor biolóxico, ecolóxico e científico, ben por seren endémicas do litoral galaico-portugués ou ben por seren consideradas raras ou ameazadas. De entre estas plantas hai que destacar a presenza da herba de namorar, a camariña, o tomiño bravo, a Iberis umbellata, a Calendula algarbiensis ou Angélica pachycarpa.
Fauna
A fauna máis salientable das illas son as aves mariñas como a gaivota patiamarela, a especie máis abundante do Parque Natural con 22.000 parellas reprodutoras que constitúen a máis numerosa colonia mundial, e o corvo mariño cristado que con 1.000 parellas reprodutoras forma a máis numerosa colonia do sudoeste europeo e constitúe unha importante representación das poboacións mundiais desta especie. Tamén están presentes algunhas parellas de gaivota escura e de paíño común, ambas as dúas escasas na Península Ibérica. Nos cantís aniñan o falcón peregrino, a pomba brava, o corvo, a gralla, a choia biquivermella e o cirrio grande. A importancia das aves mariñas posibilitou a declaración das Illas Cíes como ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) por parte de España e da Unión Europea. O perímetro deste Parque Natural integra gran variedade de biotopos costeiros e mariños nos que existe a prohibición de exercer a pesca submarina e a extracción do percebe está suxeito a un Plan de Aproveitamento. Entre os medios submarinos destacan: os fondos rochosos que rodean a illa, agás as zonas máis protexidas dos fondos da cara oeste onde existen bosque de Laminaria e Saccorhiza; os fondos de area, presentes nas zonas protexidas dos fondos orientais, nos que aparecen áreas que emerxen en superficie como praias con predominio da sedimentación e nas que o continuo movemento das areas imposibilita a colonización dos fondos polas grandes algas; os fondos de Maërl, na parte oriental da illa de San Martiño, formados por algas calcarias como Phymatolithon calcareum e Lithotamniun corallioides; os fondos de cascallo, na metade oriental das Cíes e formados principalmente por restos de cunchas que acadan un grosor de varios centímetros; e o lago, entre as illas de Monteagudo e do Faro, que na parte occidental presenta un dique artificial e na oriental, a praia de Rodas, de fondos limosos con cebas, leitugas de mar e verdello.
Historia
A antigüidade do poboamento das illas Cíes (lat Sicas, ‘áridas’) amósase no asentamento das ladeiras do monte Faro de Cíes datado na Idade do Bronce (500-100 a C) e noutro localizado nos arredores da Campá. A aparición de concheiros permitiu deducir que o principal sustento dos habitantes das illas foi o marisqueo. As cerámicas e as tégulas atopadas reflicten a presenza dos romanos nun asentamento na illa sur. Nos escritos de Estrabón, Plinio ou Diodoro recibiron o nome de Insulae Deorum (‘Illas dos deuses’), outros identificáronas coas Casitérides. Hai autores que defenden que Xulio César pasou polas illas no 60 a C e que someteu os herminos alí refuxiados. En 1974 atopouse un anel de ouro realizado nunha variante de ágata e cunha figura dun xabaril datado no s II d C. Na Idade Media estiveron os normandos nas illas e no s XI apareceron as primeiras ermidas beneditinas. A finais do s XIII ocupáronse os mosteiros de San Martiño (illa de San Martiño) e Santo Estevo (illa do Faro), ambos os dous baixo a regra cluniacense. No s XIV existía un mosteiro pertencente á orde franciscana en cada unha das tres illas. No s XVI tense constancia da arribada do pirata Francis Drake. En 1617 presentáronse piratas berberiscos e a principios de 1700 produciuse un despoboamento das illas que se prolongou ata o s XIX pola continuada presenza de corsarios e navíos de guerra ingleses e franceses. No s XVII o alcalde xuíz de Cangas tiña a xurisdición sobre as illas. Na primeira metade do s XIX instaláronse pesqueiras, almacéns e carabineiros. Familias procedentes da península do Morrazo trasladadas ás illas viviron da pesca, da agricultura e da gandería caprina e ovina. A mediados de século construíuse o faro do monte Faro e o dique que une as illas do Faro e Monteagudo. Os primeiros intentos por crear pesqueiras nas illas datan da época de Carlos III, cando se decidiu fundar unhas factorías de peixe pero non chegarían a realizarse a causa das guerras. En 1840 creouse unha fábrica de conserva de sardiñas no SL da praia de San Martiño. Na praia de Rodas existiu, preto do peirao, a fábrica de salgadura de Muixeiro e entre 1924 e 1927 instalouse unha factoría baleeira norueguesa na enseada da Barra. No 1840 adscribíronse ao concello de Vigo e cara ao 1970 foron abandonadas definitivamente polos seus habitantes, despois dunha década de auxe turístico (1960-1970) na que se construíron a maioría dos chalés existentes.
Patrimonio cultural
O mosteiro de Santo Estevo ten a súa orixe na doazón que o Rei Afonso VII fixo da illa ao mosteiro de Celanova (1152), que deixou o privilexio do couto sobre ela ao mosteiro de San Salvador de Coruxo. Trala reforma beneditina, o mosteiro de Celanova cedeu ao bispado de Tui o mosteiro de Santo Estevo (1378) que se outorgou á regra franciscana. As dependencias monásticas deberon sufrir os ataques dos piratas ingleses na metade do s XVI e posiblemente entraron en decadencia xa que frei Martín Sarmiento, quen visitou a illa a mediados do s XVIII, relatou a existencia dun mosteiro en ruínas tralo abandono dos irmáns franciscanos. O edificio conventual conservado, de planta rectangular e con dúas alturas, debeuse erixir trala visita de Sarmiento e o edificio recuperouse para converterse no Centro de Interpretación dentro do Parque Natural das Illas Cíes. No ano 1992 atopáronse no contorno do mosteiro restos dunha necrópole medieval. A fundación do mosteiro de San Martiño, do que se conserva un pequeno pavillón, relaciónase co de Santa María de Oia no s XIII. Ademais existen restos das antigas fábricas de conserva de sardiña e de salgadura. A illa conta con catro faros: na illa de Monteagudo, o faro do Peito; na de San Martiño, o de Vicos; e na illa do Faro, o de Príncipe, tamén chamado da Porta ou Romano; e o do monte Faro de Cíes, construído polo enxeñeiro Alejandro Olavarría (1851-1852) e reconstruído (1978-1980) co aproveitamento de perpiaños do primitivo faro. Outras construcións das que se conservan vestixios son o cemiterio, o cuartel de carabineiros do reino, o antigo cárcere, a caseta de prácticos, o muíño e o monolito da praia de Rodas.