2 cimbro
(<*jibro < *jiebro < lat jĭnĭpĕru ‘cimbro’)
Arbusto ou árbore que pode acadar os 15 m de altura, de casca e cor avermellada, con follas aciculiformes perennifolias, de ata 2 cm de lonxitude e 2 mm de ancho, cunha franxa branca no revés, dispostas en verticilos. As árbores masculinas presentan os conos amarelados de xeito illado nas axilas das follas, mentres que as femininas levan as piñas globulosas de ata 10 mm de diámetro, formadas por escamas soldadas cunha coloración negra cando están maduras que constitúen os froitos; estes teñen aparencia de baia e maduran no segundo ano. É unha das coníferas que presentan unha distribución xeográfica máis ampla, xa que corresponde coas rexións temperadas e frías de Europa e Norteamérica, Asia e N de África. Na Península Ibérica están presentes tres subespecies de Juniperus comunis: J. comunis comunis, que constitúe unha árbore que pode acadar os 15 m de altura, de copa estreita e que forma bosques entre os 100 e os 400 m de altitude na metade oriental; J. comunis hemisphaerica, arbusto que non sobrepasa os 2,5 m de altura, de copa arredondada, que se encontra en bosques e matogueiras da metade oriental; e J. comunis alpina ou J. comunis nana, arbusto rastreiro de matogueiras, piorneiras ou piñeirais de substrato ácido, entre os 1.000 e 3.000 m de altitude, propia do centro, norte e occidente peninsular; en Galicia aparece en alturas superiores aos 1.700 m das montañas orientais. A madeira é moi apreciada por ser doada de traballar, resistente e aromática. As piñas femininas empréganse na elaboración da xenebra, que procede da destilación de alcohois e da fermentación de cereais (millo, centeo e cebada) en presenza das gálbulas do cimbro. Estas gálbulas tamén se empregan na medicina tradicional polas súas propiedades diuréticas.