cinematografía
(< cinemato- + grafía)
Arte de representar sobre unha pantalla, e mediante a fotografía, imaxes en movemento.
A técnica cinematográfica
O invento
Os intentos de reprodución gráfica do movemento remóntanse ás sombras chinesas (4.000 anos a C) e á lanterna máxica (1640) do alemán Athanasius Kircher. O perfeccionamento da fotografía posibilitou o nacemento da cronofotografía que consiste nunha serie de fotografías sucesivas que permitiron rexistrar o movemento dos planetas, dos animais ou do home. Charles-Émile Reynaud, empregando un tambor con espellos, conseguiu proxectar, por reflexión sobre unha pantalla, unhas imaxes debuxadas por el mesmo; ao mesmo tempo, Thomas Alva Edison incorporou a película de celuloide que empregou para impresionar series cronofotográficas que se reproduciron nun cinetoscopio. En 1985, Louis Lumière patentou o cinematógrafo, que permite o movemento intermitente da película e co que se efectuaron as primeiras proxeccións públicas.
O cinematógrafo
A operación específica da cinematografía é a filmación. A película virxe circula polo interior da cámara, diante do obxectivo, movida por un dispositivo de avance intermitente que, combinado co obturador, permite que a película se deteña unha fracción de segundo co fin de ser impresionada. Entre 1896 e 1913, Méliès inventou case todas as trucaxes do cine moderno; o operador Promio descubriu, en 1896, o efecto travelling (plano móbil), perfeccionado máis tarde por Segundo de Chomon; o británico William K. L. Dickson empregou o efecto panorámico facendo xirar a cámara sobre o soporte. Posteriormente se iniciou o proceso creador da película co guión, posto que nun principio os filmes se rodaban sen el. Ata os primeiros anos do cine sonoro, por razón da complexidade técnica crecente, non se xeneralizou o emprego do guión técnico. Unha vez establecido o guión e escollidos os actores e o equipo técnico, procedíase á rodaxe, na que a máxima autoridade era o director. Conforme a película se realizaba, enviábase ao laboratorio para o seu revelado e obtíñase así a copia de traballo sobre a que o director efectuaba a montaxe, para establecer a continuidade narrativa e o ritmo adecuados. Griffith perfeccionou o sistema de montaxe coa fragmentación das escenas en diferentes planos, coa intercalación de primeiros planos expresivos e co emprego sistemático das accións paralelas e do flash-back, e acadou o seu esplendor coa escola soviética a partir de 1924. A unión de dous planos sobre un movemento para crear unha continuidade perfecta debeuse aos directores alemáns, como Dupont, Murnau e Pabst, e aos americanos Vidor e Hawks.
O cine sonoro
O cine sonoro non foi unha realidade ata a invención da válvula tríodo e a consecución dun método para fotografar as vibracións sonoras. O principio básico do cine sonoro consiste na reprodución fotográfica desas vibracións sobre a película, nunha banda lateral na esquerda dos fotogramas. A inclusión da banda sonora obrigou a reformar as dimensións do fotograma, aínda que se mantiñan as proporcións, elevando a velocidade de paso da película para poder obter unha boa reprodución sonora. A aparición do cine sonoro revolucionou a concepción clásica da montaxe xa que se facilitou a continuidade narrativa e permitiu a supresión dos planos explicativos e metafóricos, tan comúns no cine mudo; sen embargo, esta innovación non se aceptou de inmediato. A aparición das primeiras cintas sonoras de calidade evidenciou que o son e o silencio podían empregarse como valiosos elementos dramáticos e permitían presentar personaxes máis ricos e complexos.
O cine en cor
En 1906, G. A. Smith e C. Urban crearon o Kinemacolor, onde as imaxes se tinguían alternativamente de vermello e verde. O éxito conseguido por este sistema estimulou a competencia do tecnicolor, que non se aceptou ata o éxito de Gone with the Wind (Foise co vento, 1939), de Victor Fleming. En 1936 o trust alemán Agfa patentou o sistema Agfacolor, máis simple ca o anterior e máis económico, aínda que tecnicamente inferior. Este sistema estendeuse rapidamente, adoptado por moitas firmas comerciais e a partir de 1956 intentouse combinar as vantaxes de ambos os dous procedementos. A rodaxe en cor é moito máis delicada ca en branco e negro; a menor sensibilidade das emulsións esixe máis cantidade de luz e un proceso de laboratorio máis complexo.
Os novos formatos
Desde os comezos do cine tratouse de modificar o formato clásico do paso de 35 mm e das proporcións do fotograma de 3x4. En 1900 Lumière efectuou unha proxección sobre unha pantalla de 15x25 e Raúl Grimoin-Sanson presentou unha proxección circular arredor dos espectadores. En 1926, o francés Abel Gance empregou a pantalla tripla e en 1930 King Vidor utilizou o formato panorámico. A competencia crecente da televisión obrigou á industria cinematográfica a buscar novas formas de proxección destinadas a conseguir a máxima espectacularidade. En 1935 Fred Waller inventou o cinerama que provocou que a 20th Century Fox buscase un procedemento máis simple e económico, o cinemascope; en 1954 a Paramount lanzou a vistavisión, que melloraba a definición das imaxes e a partir de 1952, a polémica sobre o formato estendeu a proxección panorámica aos filmes de formato estándar.
O relevo
Creouse a noción de espazo grazas ao movemento dos personaxes e da cámara, á iluminación e á profundidade de campo, e tratouse de reproducir a percepción estereoscópica para crear a ilusión do relevo. En 1868, Henry d’Almeyda obtivo unha fotografía estereoscópica superpoñendo nunha pantalla dúas proxeccións, unha vermella e unha verde, que o espectador contemplaba con lentes bicolores. O procedemento de máis éxito foi o Stereokino, creado polo enxeñeiro ruso Sem’on Ivanov en 1940, no que a selección de imaxes dos dous proxectores se realiza por procedementos óptico-mecánicos, sen necesidade de lentes especiais. Non obstante , por mor do seu elevado prezo, a experiencia non foi rendible.
Técnicas especiais
Incorporado á pedagoxía e á investigación científica, o cine converteuse nun valioso instrumento de traballo. A cinematografía con radiacións luminosas invisibles (ultravioletas ou infravermellas) emprégase para rexistrar procesos físicos, químicos ou biolóxicos que están perturbados pola presenza de radiacións luminosas visibles. Tamén o movemento acelerado ou retardado permitiu estudar fenómenos que, pola súa cadencia moi lenta ou moi rápida, non poden observarse directamente. En medicina emprégase a cinerradiografía, a cinerradioscopia e a cineendoscopia (endoscopia).
Avances desde 1970
O mecanismo básico do cine non se modificou, non obstante si que foi constante a mellora dos seus diferentes compoñentes. Con respecto ás cámaras, destaca o avance que representa a cámara Panaflex, moi empregada no cine profesional. En óptica conseguíronse obxectivos moi luminosos, con aperturas máis grandes de f:0.9, que permiten filmar con pouca luz. As cámaras profesionais adquiriron a mobilidade da que xa gozaban as do cine afeccionado. A creación da Steadycam, inventada por Garet-Brown, supuxo un avance xa que se trata dunha cámara rexida por un operador que queda inmóbil durante os desprazamentos e cun visor portátil que queda lonxe do ollo do operador, deste xeito incorpóraselle un monitor de televisión que permite apreciar o cadro que capta o obxectivo. A maior sensibilidade da película virxe permitiu reducir os focos de luz artificial e conseguir representacións máis fieis de ambientes sórdidos. Para os efectos espectaculares foron útiles os avances en electrónica, xa que unha copiadora óptica permitía empalmar imaxes filmadas por separado. Por outra banda, o circuíto pechado permite que os técnicos vexan de maneira permanente e simultánea as imaxes tomadas por diversas cámaras instaladas nun amplo espazo e, ademais, o mecanismo electrónico da televisión incorporouse ao sistema cinematográfico. A cámara de vídeo rexistra imaxes e sons nunha mesma cinta magnética que pode reproducirse no acto, sen proceso ningún, no mesmo momento en que se captaron. Iso permite observar os resultados obtidos en cada instante, repetir unha imaxe ou continuar realizando as seguintes.
A cinematografía como arte
Os comezos (1895-1908)
A primeira realización cinematográfica pública foi Arrivée du train à La Cité (A chegada do tren á cidade), de Louis Lumière, presentada en París, o 28 de decembro de 1895. O primeiro en ver as posibilidades de transformar a cinematografía nun espectáculo popular foi Georges Méliès, director dun teatro parisiense. Superado o estadio puramente documental de Lumière, Méliès produciu, dirixiu, interpretou e filmou numerosos filmes. Posteriormente, apareceron diversas sociedades de produción cinematográfica, organizadas como sociedades industriais (Pathé, Gaumont, Vitagraph, etc). Nos EE UU a nova arte desenvolveuse a partir do impulso dado por T. A. Edison que, en 1896, substituíu o cinetoscopio polos aparatos de proxección. En 1908, a Motion Picture Patent Company, trust controlado por Edison, converteuse no verdadeiro amo do cine norteamericano. O cine europeo nestes inicios estaba demasiado condicionado pola herdanza teatral. Creouse en Francia a produtora Film d’Art, que contrataba destacadas figuras do teatro e que introduciu no cine o concepto de estrela.
Unha arte con características propias (1908-1929)
O cine de inspiración realista comezou nos EE UU coa creación, por parte de Vitagraph, dunha serie de películas que tiñan como título xenérico Scenes of True Life (Escenas da vida real); en Francia, Louis Feuillade, da produtora Gaumont, iniciou unha serie con propósitos similares titulada La vie telle qu’elle est (A vida tal como é). Cara ao ano 1910 comezou o desenvolvemento do cine norteeuropeo: en Suecia, Karl Magnusen creou Svenska, produtora que aglutinaba os mellores realizadores do país; o cine danés achegou os primeiros elementos de erotismo; en Italia, dentro dun cine cunha gran proliferación de divas, alternaban as películas de tema histórico co cine naturalista, precursor do realismo ruso. Durante a Primeira Guerra Mundial, os EE UU dominaron os mercados internacionais. Algúns realizadores, autodenominados independentes, enfrontáronse co trust de Edison e instaláronse en Hollywood, onde crearon novas compañías (Warner Bros, Paramount, Fox, Goldwyn, Universal, etc). Este novo cine norteamericano tivo unha rápida expansión e popularidade, fundamentado en dúas bases ben sólidas: o western, que incorporaba ao cine unha nova épica, e o star system, que puña de moda arquetipos éticos e estéticos (o heroe, o malo, a inxenua, a vamp e o latin lover). Durante estes anos, a cinematografía americana con David Ward Griffith, creador dunha linguaxe innovadora, e co cine cómico, que comezou en Francia e tivo un gran desenvolvemento nos EE UU grazas a Mack Sennet, quen promoveu a Fatty (Roscoe Arbucle), Buster Keaton, Ben Turpin, Gloria Swanson, Harold Lloyd, Wallace Beery e, sobre todo, a Charles Chaplin. A industria cinematográfica europea, paralizada durante a guerra, recuperouse ao rematar as hostilidades. Os tres movementos fundamentais do cine europeo de posguerra foron o expresionismo alemán, o realismo soviético e o vangardismo francés. En Alemaña, onde en 1917 se creou a Universum Film Aktiengesellschaft (UFA), o cine moveuse dentro dunha linguaxe expresionista que tivo como máxima representación Das Kabinett des Doktor Caligari (O gabinete do doutor Caligari, 1919), de Robert Wiene. Nesta liña subxectivista destacan, entre outros, Paul Wegener, Fritz Lang e F. W. Murnau. O cine soviético irrompeu con forza no panorama europeo de comezos do anos vinte a pesar de que en 1919 se nacionalizou a industria cinematográfica rusa. A Revolución estimulou o desenvolvemento do cine, considerado unha poderosa arte de masas. No terreo do documental e da reportaxe apareceron as teorías innovadoras de Dziga Vertov, creador do cine ollo. As concepcións vangardistas influíron en L. V. Fulesov, que formou unha grande escola na que destacaron S. M. Eisenstein e V. I. Pudovkin. En Francia, entre 1925 e 1930, os cineastas deixáronse influenciar polo surrealismo, movemento no que o aragonés Luis Buñuel foi o máximo expoñente cinematográfico mundial e destacaron as obras de Jean Renoir, Marcel Carné, René Clair e Jean Cocteau. En París tamén traballou o danés Carl Theodor Dreyer, autor de A paixón de Xoana de Arco (1928). O cine norteamericano, baseado na popularidade das súas estrelas, continuou coa supremacía comercial. Foron os anos das primeiras crónicas da vida cotiá e da historia norteamericana, da máxima plenitude do cine cómico, da aparición de grandes mestres dos debuxos animados e das importantes achegas dos directores europeos inmigrantes como Lubitsch, von Sternberg, Murnau e Erich von Stroheim, autor dunhas serie de obras mestras nas que denunciaba os defectos do american way of life.
A aparición do son (1929-1939)
O cine sonoro non tivo transcendencia comercial ata o emprego por parte da Warner Bros do sistema Vitaphone. As primeiras películas sonoras tiveron un grande éxito, sobre todo as musicais como The Jazz Singer (O cantante de jazz, 1927), de Alan Crossland. Nos EE UU apareceron dous xéneros novos, o cine negro e a comedia, que gañaron a aceptación do público. Outro xénero impulsado pola sonorización foi o de denuncia social, no que destacaron King Vidor, Chaplin, Fritz Lang, William Wyler e John Ford. A aparición do son ocasionou unha verdadeira conmoción no ambiente do cine cómico; sen embargo, Buster Keaton e outros cómicos non se adaptaron a el e apareceron algunhas figuras novas do xénero como os irmáns Marx, Stan Laurel ou Oliver Hardy. En Alemaña, nesta primeira etapa sobresaíu a produción de Fritz Lang con dúas obras de intención político-social: M - eine Stadt sucht einen Mörder (M - unha cidade busca un asasino, 1931) e Das Testament des Doktor Mabuse (O testamento do Doutor Mabuse, 1932). O ascenso ao poder do réxime nazi orixinou un exilio en masa de realizadores de primeira orde como Max Ophüls, Fritz Lang, Robert Wiene ou Paul Czinner. En Francia, ademais dalgunhas producións vangardistas, destaca a aparición do naturalismo práctico, movemento que narra a tráxica existencia nos suburbios. Deste grupo, os principais animadores foron Jacques Feyder, Julien Duvivier, Marcel Carné e Jean Renoir. Para entrar en contacto coa nova técnica, os grandes mestres soviéticos estiveron en diferentes países europeos e nos EE UU, pero durante estes anos o cine soviético introduciuse nas directrices do realismo socialista. A industria cinematográfica británica, en estado moi precario a raíz da Primeira Guerra Mundial, recuperouse en 1927 coa promulgación da Cinematographic Film Act e contou coas figuras de Alfred Hitchcock, que iniciou unha brillante carreira no xénero policíaco, e Carol Reed, Thorald Dickinson, Anthony Asquith e Leslie Howard.
A Segunda Guerra Mundial e a posguerra (1939-1955)
O inicio das hostilidades significou un freo á expansión da industria cinematográfica. As producións dos anos de guerra son películas que anunciaban a esperanza da vitoria final ou películas de evasión. Nos EE UU produciuse unha revelación verdadeiramente excepcional no plano artístico: a aparición do actor e do realizador Orson Welles, quen introduciu numerosas novidades técnicas. Na URSS, despois da vitoria de Stalingrado, normalizouse e aumentou o nivel técnico e artístico das películas. En Francia, destacan as achegas dos realizadores Henri-Georges Clouzot e Jacques Becker. Rematada a guerra, non se tardou en alcanzar a actividade de preguerra. O acontecemento de máis significación da posguerra foi a aparición do neorrealismo italiano, herdeiro das experiencias do cine soviético e do documentalismo británico. As figuras principais deste movemento foron Roberto Rossellini, Vittorio De Sica e Luchino Visconti. Tres feitos marcaron as actividades cinematográficas trala guerra nos EE UU: a acción antimonopolística do departamento de xustiza contra os produtores de Hollywood, a campaña de persecución de intelectuais organizada polo maccarthismo e a competencia da televisión. A partir de 1952 a industria cinematográfica elaborou novas técnicas. John Huston, Elia Kazan, George Stevens e Fred Zinnemann, entre outros realizadores, xunto coa popularidade dalgunhas estrelas (Marlon Brando, James Dean e Marilyn Monroe), contribuíron a que o cine norteamericano continuase gozando da máxima difusión mundial. O cine francés de posguerra caracterizouse por unha gran diversificación temática e un nivel medio de calidade bastante elevado, malia que non apareceron novas figuras. Destacaron as obras de René Clair, Jean Cocteau, René Clément, Jean Renoir e de Henri-Georges Clouzot. No cine británico destaca a obra de Carol Reed, Charles Crichton, Alexander Mackendrick e dos novos realizadores agrupados no movemento free cinema. No resto de Europa desenvolvéronse unha serie de cinematografías nacionais que achegaron novos valores de considerable entidade. Este desenvolvemento favoreceuse, en gran parte, pola creación de festivais internacionais (Cannes, Venecia, Berlín e Donostia). Xapón e a India tomaron a dianteira mundial no número de películas producidas; o cine xaponés atraeu a admiración mundial pola calidade dramática e técnica de realizadores como Akira Kurosawa ou Kenji Mizoguchi, e na India destacou o neorrealismo de Bimal Roy e o naturalismo poético de Stayajit Ray. En América Latina sobresaíron os filmes de Arxentina, Brasil e México.
O cine dos anos sesenta
A partir da segunda metade dos anos cincuenta o cine, para poder afrontar a competencia da televisión, aumentou a súa espectacularidade mediante as superproducións en color e o emprego de grandes formatos. Paralelamente, desenvolveuse un cine de autor, caracterizado pola súa independencia creadora. Este último tipo de cine achega novas riquezas temáticas e de linguaxe: a problemática filosófica e teolóxica (Ingmar Bergman), a aparición en Francia da corrente do cine verdade, o nacemento do cine de enquisa político-social, a consolidación do xénero de ciencia fición, etc. A aparición, cara ao 1959, da chamada nouvelle vague francesa achegou máis liberdade formal e iniciou un proceso de renovación da linguaxe cinematográfica. Nos EE UU, a escola de Nova York lanzou un novo elenco de directores, entre os que están John Cassavettes, Shirley Clarke e Lionel Rogosin. O cine italiano herdou a preocupación pola temática social do neorrealismo, expresado con fórmulas moi evolucionadas, e contou con realizadores como Antonioni, Visconti, Fellini, Pasolini, Rosi ou Olmi. O cine británico incorporou os novos valores do free cinema (Ken Russell, Richard Lester, etc). Nos países socialistas, unha vez superadas as dificultades da época stalinista, a cinematografía experimentou unha maior diversificación temática e formal.
O cine desde 1970
O cine norteamericano rexurdiu guiado por unha nova xeración de realizadores. Por unha banda, destacan os que produciron obras marcadas pola espectacularidade e polos grandes investimentos, como F. F. Coppola, S. Spielberg e G. Lucas; por outra banda, hai obras personalísimas como as de W. Allen e creadores orixinais como J. Cassavettes, A. Penn, B. De Palma e M. Scorsese. En Europa renaceu o cine alemán, con nomes como W. Herzog, R. W. Fassbinder, V. Schlöndorff e W. Wenders. Outros notables directores de Europa Occidental son os irmáns italianos Taviani e Ermanno Olmi, o suízo Alain Tanner, os británicos Lindsay Anderson e Ken Loach, e o francés Bertrand Tavernier. Na Europa Oriental destacan o polaco K. Zanussi, os húngaros J. Kádar e I. Szabó, os iugoslavos E. Kusturica e D. Makavejev, e os soviéticos Andrej Mikhalkov-Končalovskij e Nikita Mikhalkov. Cómpre salientar tamén a aparición dun novo cine australiano, con directores como P. Weir e G. Miller. Desde o punto de vista temático tivo un grande impulso no cine norteamericano o xénero de aventuras e as producións baseadas en escenarios e personaxes lendarios ou fantásticos, ou de ciencia fición. Constátase unha maior liberdade no tratamento do tema sexual xa que a política tivo unha incidencia decrecente no cine deste período. Asistiuse a un rexurdimento do cine de terror e á consolidación na década dos oitenta dun cine abertamente violento e de pensamentos maniqueístas, como tamén un interese polas segundas partes de éxitos anteriores. Son típicas destes anos as adaptacións de obras literarias e as producións sobre personaxes históricos.
Novas perspectivas.
A paisaxe audiovisual está condicionada pola rápida evolución da técnica. Implantados os magnetoscopios domésticos como unha alternativa á diminución dos espectadores que acoden ás salas, a televisión de alta definición arraigou progresivamente. A comercialización e expansión do DVD, a comezos do s XXI, supuxo unha revolución para a técnica de gravado e reprodución doméstica. Así mesmo, as salas de proxección incorporaron melloras de carácter visual e acústico, encamiñadas á consecución dun son envolvente e de gran calidade. A industria cinematográfica tamén está suxeita a radicais transformacións do seu mercado e as innovacións nos efectos especiais reflíctense no tratamento das imaxes mediante sistemas informáticos que permiten crear escenas de gran dificultade técnica; é o caso de Jurassic Park (Parque Xurásico, 1994), de Steven Spielberg; Matrix (1999) e Star Wars. Episode I (A ameaza fantasma, 2000), de George Lucas. Para as novas creacións de debuxos animados, sobre todo as da factoría norteamericana Walt Disney, recorreuse á animación por ordenador. Entre elas destacan Toy Story (1995), AntZ (1998) ou Dinosaur (Dinosauro, 2000). Malia que a maior parte das producións de éxito se realizan en EE UU, o cine europeo vai cobrando maior importancia internacional, dato que se confirma co prestixio que acadaron festivais como a Mostra de Venecia, o Festival Internacional de Berlín, o Festival Internacional de Cannes ou o Festival Internacional de Donostia. Paralelamente, a produción cinematográfica europea incrementou nos últimos tempos o número de películas de calidade. En España, os anos noventa confirmaron un número importante de actores e directores con proxección internacional, como é o caso de Antonio Banderas, Penélope Cruz, Javier Bardem, Pedro Almodóvar e Fernando Trueba, entre outros. As producións españolas lograron un recoñecemento sen precedentes, como proba a consecución de tres Oscar de Hollywood nas películas Volver a empezar (1982), de José Luis Garci, Belle Époque (1992), de Fernando Trueba e Todo sobre mi madre (2000), de Pedro Almodóvar. Dentro do cine en Galicia as producións cinematográficas destacaron pola súa calidade e repercusión no ámbito estatal. A estrea de Sempre Xonxa (1989), a primeira longametraxe do realizador Chano Piñeiro, marcou o inicio dunha etapa moi produtiva para o cine galego. A confirmación chegou con outros títulos destacados como Urxa (1989), Continental (1989), Dáme lume (1993), Fisterra (1998), A Rosa de Pedra (1999), Cando volvas ao meu lado (1999), A lingua das bolboretas (1999), Sei quén es (2000) ou Lena (2001).