cinta

cinta

(< lat cĭncta, f decinctus < lat cĭngĕre ‘cinguir’)

    1. s f

      Tira de tecido longa e estreita feita con calquera fibra téxtil que se emprega en confeccións industriais, adornos, para atar ou outros usos.

      Sinónimos: fita.
    2. s f

      Tira longa e estreita de papel, ferro, coiro ou doutro material.

      Sinónimos: fita.
    3. s f

      Banda tinguida que en certas máquinas, como as de escribir e as de calcular, marca o relevo dos tipos enriba do papel por medio de presión.

    4. s f [BÉL]

      Dispositivo ríxido ou articulado en forma de tira que permite a unión dos cartuchos e facilita a alimentación de certas metralladoras.

    5. s f [IMAX]

      Película fotográfica ou cinematográfica.

      Sinónimos: filme.
    6. s f [TECNOL]

      Conxunto formado por unha cinta magnética e a súa carcasa.

      Sinónimos: casete.
    7. cinta adhesiva [IND]

      Tira de papel, pano ou plástico que contén, sobre unha cara, unha capa dunha substancia adhesiva non solidificada.

    8. cinta de carda TÉXT [TÉXT]

      Cada unha das tiras compostas por tres ou catro dobras de tecido forte, unidas con caucho ou unha cola especial, e que levan cravadas as púas de aceiro en forma de U e constitúen a gornición da carda.

    9. cinta de vídeo [TECNOL]

      Cinta magnética, de medidas normalizadas, para rexistrar imaxes e son.

      Sinónimos: videocasete.
    10. cinta illante [TECNOL]

      Cinta téxtil ou plástica impregnada dun adhesivo por unha das súas caras que se emprega para protexer as unións dos condutores eléctricos.

    11. cinta magnética / [FÍS/TECNOL]

      Cinta empregada nos sistemas de gravación magnética de información (son, imaxe ou calquera tipo de información codificada) que constitúe o soporte onde se fixa esta información. Está composta por unha base de sustentación, o corpo, e por unha emulsión magnética onde se realiza propiamente a gravación. A base pode ser de acetato de celulosa ou ben de poliéster, policloruro de vinilo, mylar, etc. A emulsión magnética, inicialmente de óxido de ferro gamma vermello (Fe 2 O 3 ), pasou a ser doutras substancias. O ancho das cintas varía desde 3,81 mm, para as de casete, ata 50,8 mm, utilizadas en magnetófonos profesionais. As empregadas nos magnetoscopios teñen unha anchura de 12,7 mm ou de 8 mm. As cintas magnéticas empregadas nas casetes de son normalizáronse e designáronse como tipo I, II, III e IV. As do tipo I son as máis antigas e de menos calidade, pero son as máis universais e aceptadas en todos os aparatos; as de tipo II, de dióxido de cromo, permiten unha calidade excelente, pero non funcionan correctamente en todos os reprodutores; as de tipo III, de alta calidade e de grandes prestacións, resultan caras e abandonouse a súa fabricación; e as do tipo IV son as de metal, dunhas características superiores ás anteriores e mellor calidade, polo que resultan as máis aconsellables en Hi-Fi. Para as cintas de vídeo empréganse só cintas de calidade superior. Este método empregouse para facer copias de seguridade de arquivos informáticos e para transportar grandes arquivos, maiores ca a capacidade dun disco de alta densidade. Os grandes ordenadores utilizaban cinta de bobina dun tipo que se iniciou na década dos anos 50. Os ordenadores persoais utilizaban cartuchos de cinta de varios tamaños. Existiu unha ampla variedade de tamaños e formatos, de maneira que gravar por exemplo 100 MB de información podía levar varias horas. Igualmente, o proceso de darlle formato a unha cinta antes de utilizala podía durar un par de horas. As cintas non substituíron na práctica as unidades de disco e hoxe en día o seu lugar ocúpano discos magnetoópticos ou disquetes de formato diferente ao tradicional e de gran capacidade.

    12. cinta métrica [METROL]

      Tira de aceiro ou de tecido dividida en m, dm, cm e mm que serve para medir lonxitudes. As cintas de roupa están impermeabilizadas e reforzadas con fíos de nailon ou de aceiro.

    13. cinta perforada [TECNOL]

      Cinta de papel resistente que, como soporte de información, se empregou en telecomunicacións e en certas máquinas como teares, máquinas-ferramenta de mando numérico, máquinas de fotocomposición, etc. Contén unha serie de perforacións dispostas en diferentes canais (en número de 5 a 8) e paralelas á cinta. Esa combinación permite representar diferentes caracteres.

    14. cinta transportadora [TECNOL]

      Dispositivo formado por unha tira continua de metal ou plástico que serve para trasladar mercadorías ou persoas e que se move automaticamente.

  1. [ANAT]
    1. s f

      Estrutura anatómica longa e aplanada, especialmente a de natureza nerviosa.

    2. cinta de Reil

      Fascículo de fibras sensitivas que nacen nos núcleos terminais dos nervios sensitivos espiñais e bulboprotuberanciais. Ascende ata o cerebelo e o cerebro despois de terse cruzado co homólogo do costado oposto no bulbo.

    3. cinta óptica

      Cada unha das dúas cintas, situadas unha a cada lado da base do cerebro, constituídas polas fibras nerviosas ópticas na saída da quiasma.

  2. s f [ARQUIT]

    Faixa decorativa longa e estreita.

  3. s f [ETN]

    Cada unha das pezas que sosteñen o conduto do muíño que leva o gran dende a moega á moa.

  4. s f [MAR]
    1. Táboa de madeira do forro exterior dunha embarcación menor, máis grosa ca as outras, que vai de popa a proa entre o trancanil, ao que soporta xunto coa traca, e o bote.

    2. Cada unha das fileiras de prancha do forro exterior, máis grosas ca as outras, que nos barcos van de popa a proa na altura das cubertas. Denomínase cinta principal ou cinta mestra á que corresponde á cuberta principal, e cinta alta á que corresponde á cuberta superior.

  5. s f [PROTISTA]

    Denominación popular das algas do xénero Chorda.

Palabras veciñas

cinseira | cinseiro | cinsento -ta | cinta | cintado -da | cintal | cintaxe