Ciórraga Fernández de la Bastida, Juan de

Ciórraga Fernández de la Bastida, Juan de

Arquitecto. Formado na Escuela de Arquitectura de Madrid, exerceu como arquitecto municipal da Coruña (1863-1890) e como arquitecto diocesano desde 1887. Participou no deseño urbanístico e na construción pública da cidade herculina, onde implantou o eclecticismo arquitectónico. Foi un dos introdutores da galería tradicional segundo o estilo burgués. Entre outras obras, rematou o Teatro Principal (1869), deseñou os soportais da avenida da Mariña (1870), os alzados interiores dos edificios da praza de María Pita (1877), a ampliación do cemiterio municipal (1881) e construíu o Asilo das Irmás dos Pobres (1899). Proxectou a restauración das igrexas románicas da colexiata de Santa María do Campo (1879-1894) e da igrexa de Santiago (1897) e trazou os planos do hotel do balneario de Arteixo, construído entre 1898 e 1915. En 1890 abandonou o cargo de arquitecto municipal e centrouse nos encargos de obra privada, entre os que destaca a casa dos irmáns García Naveira en Betanzos (1879). Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Gasteiz

  • Deceso

    Lugar : A Coruña