circulación

circulación

(

  1. s f

    Acción de circular. Ex: Ten mala circulación sanguínea. Cando viñamos vimos un terrible accidente de circulación.

    Ex: Ten mala circulación sanguínea. Cando viñamos vimos un terrible accidente de circulación.

  2. s f

    Conxunto de vehículos que circulan.

    Ex: Evita ir co coche ó centro da vila porque hai moita circulación.

    Sinónimos: tráfico, tránsito.
    1. s f [FISIOL]

      Movemento dun fluído no interior dun organismo que se efectúa xeralmente a través de condutos. Nos vertebrados distínguese entre circulación sanguínea e circulación linfática. A primeira vén dada grazas á actividade do corazón, que lle imprime un movemento á masa líquida; a segunda obedece principalmente a determinados factores mecánicos que actúan directamente ou indirectamente sobre os vasos linfáticos. Hai dous tipos principais de circulación: a pechada e a aberta ou lacunar. A circulación pechada é aquela na que o líquido circulatorio se move a través dunha serie de vasos (veas, arterias, capilares) perfectamente pechados. Na circulación aberta ou lacunar, o líquido circulante non se move sempre a través de vasos, de xeito que, en determinadas partes, se forman lagoas de fluído. A existencia de pulmóns implica a aparición de dúas circulacións: a maior ou xeral e a menor ou pulmonar; entón fálase de circulación dobre fronte á circulación simple dos animais que non teñen pulmóns. Denomínase circulación incompleta cando, por mor da estrutura do corazón, o sangue osixenado e o sangue pobre en osíxeno se mesturan, e completa cando non o fan. No ser humano, como no resto dos mamíferos e tamén nas aves, a circulación sanguínea é pechada, dobre e completa. No circuíto xeral, o sangue do ventrículo esquerdo do corazón bombéase a través das arterias e arteríolas aos capilares, e desde eles, polas vénulas e polas veas, volve á aurícula dereita do corazón; nos capilares establécese un equilibrio entre sangue e líquido intersticial; ademais, en todas as partes do corpo, o sangue, a través das paredes capilares, achega ás células do organismo o osíxeno necesario para a respiración e as substancias nutritivas, e retira o dióxido de carbono e as substancias residuais produto da oxidación. No circuíto pulmonar, o sangue bombéase do ventrículo dereito á arteria pulmonar; nos capilares pulmonares, este sangue osixénase, e de alí volve, pola vea pulmonar, á aurícula esquerda. No feto, a circulación non é idéntica á dos adultos, xa que, ao non ser funcionais os pulmóns, non hai circulación menor. A circulación sanguínea é relativamente rápida: nunha hora o sangue fai unhas 120 veces o percorrido total do aparato circulatorio humano. Circula polos vasos sanguíneos principalmente a expensas das contraccións cardíacas; mais tamén grazas á elasticidade das paredes arteriais mentres dura a diástole, á compresión das veas polos músculos esqueléticos durante o exercicio e á presión negativa no tórax durante a inspiración. As leis xerais que rexen a presión do sangue no organismo son a da presión, a da velocidade e a do caudal. Segundo a lei da presión, a presión que exerce o sangue sobre as paredes vasculares depende da descarga sanguínea por parte do corazón na unidade de tempo e da resistencia que se opón á súa circulación; hai un gradiente xeral de presión que asegura a progresión do sangue do ventrículo á aurícula en calquera dos dous circuítos, maior e menor. Segundo a lei da velocidade, a velocidade de desprazamento do sangue polo interior dos vasos depende da amplitude do leito vascular; deste xeito, a velocidade do sangue diminúe a medida que se afasta do corazón, chega a un mínimo nos capilares e aumenta progresivamente de novo nas veas. Segundo a lei do caudal, para calquera sección transversal completa do aparato circulatorio pasa, a intervalos iguais, a mesma cantidade de sangue. O grao de contracción das arteríolas e a viscosidade do sangue son os factores principais que se opoñen ao fluxo sanguíneo. Hai mecanismos de regulación cardiovascular, químicos e nerviosos, que ao modificar o calibre dos vasos modifican tamén a presión, a velocidade e o caudal do sangue. Os mecanismos de regulación química efectúanse mediante metabolitos vasodilatadores ou vasoconstrictores. Os mecanismos de regulación nerviosa efectúanse a través das fibras adrenérxicas e colinérxicas, de acción vasoconstrictora e vasodilatadora, respectivamente. A primeira concepción exacta sobre a natureza e os mecanismos principais da circulación sanguínea veu dada por W. Harvey na súa obra Exercitatio Anatomica de Motu Cordis et Sanguinis in Animalibus (Exercicio anatónimo sobre o movemento do corazón e do sangue nos animais, 1628). Antes del, Aristóteles e Galeno, entre outros, fixeran descubrimentos importantes sobre algún aspecto da circulación, pero a concepción xeral era vaga e inexacta. M. Servet demostrou no s XVI a independencia das cavidades do corazón e describiu a circulación menor. A. Vesalius distinguiu as arterias das veas; máis tarde chegouse ao coñecemento da circulación maior e do movemento centrípeto do sangue nas veas. Posteriormente, no s XVII, W. Harvey, M. Malpighi e outros descubriron a circulación capilar. Xa no s XIX, F. Magendie describiu as características e funcións dos capilares, e C. Bernard os nervios vasomotores.

    2. s f [BOT]

      Nas plantas vasculares, transporte de líquidos absorbidos cara aos diversos órganos da planta (sobre todo follas), e de substancias sintetizadas nos órganos asimiladores cara ao resto da planta (sobre todo aos órganos de reserva). Os líquidos transportados constitúen o zume. O zume bruto, o líquido absorbido a partir do solo, contén sobre todo ións minerais e circula polo xilema, movido pola transpiración que ten lugar nas follas. O zume elaborado contén glícidos, aminoácidos, etc, e circula polo floema, movido principalmente por forzas osmóticas. Polo floema circulan tamén as fitohormonas.

    3. circulación colateral [PAT]

      Desviación do sangue por vasos secundarios a consecuencia da obstrución dun tronco sanguíneo. Cando unha arteria permanece obstruída, a porción de tecido que tería que quedar sen sangue non queda desta maneira, grazas á circulación colateral que conduce o sangue dunha arteria veciña non obstruída.

    4. circulación extracorpórea [MED]

      Derivación, por fóra do corpo humano, dunha parte ou da totalidade da circulación sanguínea. Esta técnica emprégase en cirurxía cardíaca para substituír o sistema cardiopulmonar do paciente por un aparato de corazón-pulmón artificial. Emprégase tamén nos aparatos de ril artificial. Tamén se coñece como bypass extracorpóreo.

    5. circulación portal [FISIOL]

      Circulación na que o sangue, procedente das arterias de circulación xeral, despois de bañar as vísceras abdominais e de proverse dos produtos da dixestión, é recollido pola vea porta que o leva cara ao fígado. Neste órgano, o sangue distribúese polos sinusoides (onde teñen lugar as reaccións metabólicas). A través da vea cava inferior, volve saír á circulación xeral. Hai tamén unha circulación portal hipotálamo-hipofisaria mediante a que o hipotálamo manda á hipófise diferentes factores de liberación que estimulan a produción de determinadas hormonas.

  3. s f [COMUN]

    Número que representa a tiraxe dunha publicación. Os prezos referidos á publicidade varían segundo o número de exemplares editados. Enténdese por circulación bruta a que representa unha cifra total de exemplares que chegan ao lector, neta á que se lle resta os exemplares gratuítos e restrinxida se a publicación se distribúe segundo unha subscrición.

  4. [ECON]
    1. circulación económica

      Conxunto de estruturas e mecanismos que permiten que os factores de produción, os produtos e os servicios cheguen aos usuarios e se despracen en función das esixencias dos diversos mercados. O concepto de circulación entendido como fenómeno que une a produción e o consumo, xorde do cambio que a división do traballo e o crecemento industrial comportaron respecto ao sistema antigo, baseado na propiedade da terra. Os primeiros en formalizar a noción foron François Quesnay e Karl Marx.

    2. circulación monetaria

      Cantidade de diñeiro, parte do stock monetario, que circula durante un período de tempo determinado. Nunha economía baseada na división do traballo, o diñeiro emprégase para facilitar as transaccións, facer posible o crédito e para atesourar, por precaución ou por especulación. Inflúe tamén no nivel xeral de prezos.

  5. [TECNOL]
    1. circulación forzada

      Sistema de circulación no que se impulsa o fluído mediante un aparello (bomba, compresor, etc).

    2. circulación natural

      Sistema de circulación no que un fluído se despraza pola súa diferenza de densidade, causada pola diferenza de temperatura, ás diversas partes do circuíto.

  6. circulación xeral atmosférica [METEOR]

    Sistema das grandes correntes de aire mediante o que se redistribúe a enerxía procedente da radiación solar e o vapor de auga para acadar o equilibrio enerxético terrestre. A súa acción é responsable do réxime climatolóxico. En superficie, sobre o Ecuador, a maior perpendicularidade dos raios solares quenta as masas de aire superficiais que experimentan así, pola súa menor densidade, procesos convectivos. Este proceso convértese en subsidente sobre os trópicos, co que se crean áreas de altas presións a partir das que, desde cada hemisferio, se poñen en marcha en dirección ás baixas ecuatoriais os ventos alisios, que conflúen na fronte de converxencia intertropical en latitudes maiores ou menores segundo a estación, cara ao trópico do hemisferio setentrional no solsticio de verán e cara ao meridional no solsticio de inverno. Cara ás latitudes medias, as altas subtropicais envían os ventos do O (westerlies) que van confluír nunha nova fronte, a polar, cos ventos do L que desde os polos se encamiñan cara ao Ecuador. Nesta discontinuidade frontal, en función do contraste térmico entre as masas de aire encontradas, xéranse todas as perturbacións que de O a L varren as latitudes medias. Nas latitudes altas pódese formar unha nova fronte entre as masas das latitudes medias e as árticas ou antárticas (a fronte ártica no hemisferio boreal), pero é menos constante e importante ca a fronte polar. En todo caso, nos polos, a anomalía térmica negativa prolongada incide no dominio das altas presións térmicas. A circulación xeral atmosférica constitúese, pois, en cinco aneis zonais que, aínda que manteñen cadansúa circulación propia e independente, están comunicados entre si por correntes meridianas que manteñen o equilibrio enerxético planetario. Pola súa parte, os factores xeográficos modifican rexional e localmente este esquema, co que se orixinan mecanismos peculiares que tamén contribúen ao intercambio enerxético interlatitudinal, como o dos monzóns asiáticos. Todo o mecanismo sofre unha variación latitudinal estacional en función do movemento aparente do Sol ao longo do ano. En altura, as discontinuidades frontais de superficie das latitudes medias e altas vense dirixidas por correntes do O das que a máis importante é a polar. Esta corrente de altura mantén dous réximes circulatorios distintos, un rápido, zonal, e outro lento no que se describen sinuosidades que tenden a estrangularse para recuperar de novo o réxime zonal. Estas sinuosidades contribúen ao intercambio enerxético interlatitudinal, co que quedan a un lado, masas cálidas, e ao outro, masas frías. En superficie, a desigual repartición da presión debido á distinta incidencia da radiación solar, incide na creación de centros de acción cun importante papel reitor sobre a circulación; son as baixas presións ou borrascas e as altas presións ou anticiclóns. Nas primeiras, o aire no hemisferio norte xira no sentido contrario ao das agullas do reloxo e ao contrario no hemisferio austral, mentres nas segundas o proceso é o inverso, ao xirar o aire no sentido das agullas do reloxo no hemisferio norte e ao contrario no meridional. As borrascas ou perturbacións son un fenómeno ondulatorio que nace e se desenvolve ao longo das frontes, aínda que poden non estar ligadas a estas, como os ciclóns tropicais, menos duradeiros no tempo pero máis intensos cós ciclóns ou baixas presións das latitudes medias. Galicia, situada nas latitudes medias, vese afectada polos mecanismos circulatorios propios dese anel zonal. A corrente de altura polar inflúe directamente sobre o país durante a estación invernal, normalmente libre da súa acción no verán e en función da subida latitudinal do fluxo do O, a causa da maior perpendicularidade dos raios solares sobre o trópico do hemisferio boreal tralo solsticio de verán. No inverno, sobre todo, e esporadicamente na época estival, as perturbacións da fronte polar asociadas á corrente en chorro de altura varren insistentemente o territorio galego que obedece a mecanismos diferenciados. Se o réxime da corrente de altura é zonal, en superficie dáse un paso rápido dunha familia perturbada de compoñente O que xera tempo inestable. Pero, se o seu réxime é lento, é dicir, ondulado, as sinuosidades que entón describe a corrente afectan a Galicia dobremente, dependendo de que o espazo sinóptico quede á dereita da corrente, enmarcado entón na sinuosidade que se corresponde coa cuña de aire cálido tropical cara ao N (as chamadas cristas planetarias, que en superficie se corresponden co anticiclón subtropical), ou queda á esquerda da corrente, encadrado daquela na sinuosidade correspondente á cuña de aire frío polar cara ao S (os chamados vales ou valgadas planetarias, que en superficie se corresponden cos centros das depresións ou das perturbacións). No caso do marco dunha crista planetaria, o esquema en superficie correspóndese coa invasión das masas anticiclónicas subtropicais do bordo continental ou do seu mesmo centro. Canto máis se centre o anticiclón no bordo continental, a advección que chega ao país tenderá a ser de compoñente NL, mentres que canto máis cara ao centro vaia, a compoñente tenderá a ser máis ben do L ou SL, mesmo en ocasións do S ou SO. Trátase en todo caso de situacións que inciden en tipos de tempo soleados, fríos no inverno, sobre todo no tocante ás temperaturas mínimas, e cálidos no verán. De situarse pola contra no marco das valgadas planetarias, en superficie as borrascas da fronte polar varren o territorio galego con distinta compoñente, dependendo de se o espazo sinóptico se sitúa no flanco oriental do val, co que se produce a advección do SO, ou se o fai no flanco occidental, que produce unha advección do NO. Dun ou doutro xeito, trátase de situacións que provocan un tipo de tempo inestable, con precipitacións abundantes e temperaturas mornas. Pode ocorrer que no tránsito entre a afección sobre o espacio sinóptico galego dunha crista e dunha valgada ou viceversa, o país quede situado de xeito que se dean mecanismos de circulación meridiana, contrapostos aos anteriores, zonais, que inciden en adveccións do N e do S, que se corresponden con tipos de tempo, respectivamente, inestable (aínda que menos que nos casos de mecanimos circulatorios zonais) e frío, o primeiro, inestable e morno o segundo, (aínda que este pode ter unha variante fría e seca se a procedencia da advección é continental de retorno). Á marxe da corrente do O de altura, danse outros mecanismos circulatorios sobre Galicia, menos frecuentes cós anteriores, como os embolsamentos de aire frío e a fronte meridiana ou dos alisios. Os embolsamentos de aire frío en altura teñen a súa orixe nas masas polares das valgadas planetarias, pero a súa evolución posterior é allea ás mesmas. Cando a corrente en chorro de altura retarda a súa velocidade, describe sinuosidades que cada vez se fan máis marcadas ata acabar por estrangulárense, co que quedan as valgadas planetarias convertidas en superficie en borrascas separadas do chorro do O, que afectan a Galicia practicamente con calquera compoñente, e que provocan un tipo de tempo inestable, con precipitacións de débiles a moderadas, e temperaturas variables en función da compoñente, frías do N, mornas ou cálidas do S. Se os embolsamentos de aire frío en altura se relacionan orixinariamente coas masas polares, a fronte meridiana non ten que ver con elas. Orixínase na discontinuidade pouco marcada, dada por dúas células anticiclónicas subtropicais situadas lonxitudinalmente contiguas, de xeito que a máis oriental envía desde o seu flanco sudoccidental masas cálidas cara ao N e a máis occidental envía desde o seu flanco nororiental masas máis frescas cara ao S. Neste encontro orixínanse modestas perturbacións que afectan ao país cunha compoñente raramente norteada, case sempre do SO ou do SL, e inciden en tipos de tempo mornos e con precipitacións débiles ou moderadas na maior parte dos casos, a non ser que sobre este mecanismo superficial coincida en altura un embolsamento de aire frío, do que resultan as precipitacións tan ou máis abondosas como no caso das masas perturbadas polares. En definitiva, Galicia vese afectada polos mecanismos circulatorios propios das latitudes medias, representados pola corrente en chorro polar, pero tamén por mecanismos propios de latitudes medio-baixas, como os embolsamentos e a fronte dos alisios, feito que sinala o carácter transitorio entre as latitudes medias e baixas.

  7. circulación dun vector ó longo dunha curva [MAT]

    Cantidade numérica definida, dentro dun campo vectorial V , como o límite da suma dos produtos escalares elementais V ·d s correspondentes aos diferentes elementos de curva considerados, cando a lonxitude destes elementos tende a cero. Vén dada pola integral curvilínea ? c V ·d s .

Palabras veciñas

circonio | circuíto | circuitus* | circulación | circulado -da | circulador | Circulador, El