Cis, San Nicolao de
Igrexa parroquial situada en Oza dos Ríos. Pertenceu a un antigo mosteiro fundado polos condes Hermenexildo e Paterna. No 909 outorgáronlle unha carta fundacional ao abade Sabariego ou Sabarico, quen formou un mosteiro dúplice rexido pola regra de san Bieito e baixo a advocación do Salvador. Paterna obtivo do Rei Ordoño II diversos privilexios entre os que se atopaba o acoutamento dos límites do mosteiro. No 915, Argilona, filla e herdeira dos fundadores, concedeu unha nova carta fundacional que volveu demarcar os límites monacais. No ano 1061, os reis don Fernando I e Sancha confirmaron os dereitos que os condes Sigeredo Alvítez e Adisonda Arias, descendentes dos fundadores, tiñan sobre o couto do mosteiro e a súa xurisdición, e doaron as igrexas anexas de San Salvador de Armental, San Pedro de Morranca e San Salvador de Trasanquelos. A seguinte proba documental é o testamento do monxe Alvito (1073), no que se nomean os 24 membros do mosteiro e se ceden novas posesións á comunidade, entre as que se atopaba a igrexa de San Salvador de Cerneda. O conflito que enfrontou nos primeiros anos do s XII o abade Nuño e a Pedro Fróilaz, conde de Traba, levou ao traslado da comunidade feminina a outro mosteiro que o abade de San Salvador tiña que manter. O mosteiro masculino continuou independente ata a súa incorporación a San Martiño Pinario no s XV, data na que perdeu a súa condición de abadía e se converteu en priorado; coa desamortización do s XIX vendéronse as súas posesións a particulares. A igrexa conservada tomou o nome de san Nicolao, unha das advocacións do mosteiro. Construíuse na segunda metade do s XIV en substitución do primitivo templo mozárabe que posuía o mosteiro. Trátase dun edificio oxival con planta basilical de tres naves separadas por piares e unha cabeceira tripla formada por dúas ábsidas laterais pentagonais e unha ábsida central heptagonal. A nave ten cuberta de madeira a dúas vertentes e as ábsidas bóvedas de abano. A portada principal é abucinada, con columnas acobadeladas, sobre as que se erixen arquivoltas apuntadas que acollen no seu interior un tímpano presidido pola representación do Salvador amosándolle as chagas da paixón a san Bieito e san Bernaldo, e coa fachada que remata cun rosetón. Na fachada norte, dunha estrutura semellante, represéntase no tímpano unha escena da adoración dos Reis Magos, mentres que na oeste se abre un rosetón. No interior consérvanse, nunha das capelas, pinturas murais atribuídas ao segundo mestre de Cuíña (1540). Declarada Ben de Interese Cultural en 1981.