Cisalpina, República

Cisalpina, República

Estado creado no N de Italia por Napoleón Bonaparte, o 29 de xuño de 1797, con territorios conquistados aos austríacos ou separados da República de Venecia. O 17 de xullo de 1797 incrementou o seu territorio coa incorporación da República Cispadana e as anexións de territorios pertencentes aos Estados Pontificios; nese momento comprendía a maior parte das actuais rexións da Lombardía e Emilia-Romaña (agás Parma) e a franxa occidental de Venecia. O novo estado recibiu o recoñecemento de Austria polo Tratado de Campoformio (17.10.1797), estableceu a súa capital en Milán, divididiuse en departamentos, dotouse dunha Constitución baseada no modelo francés e organizou un exército de tropas francesas. Para sufocar as loitas e enfrontamentos internos e trala Batalla de Marengo, Napoleón impuxo a súa hexemonía sobre a República Cisalpina, que pasou a denominarse República Italiana (25.1.1802). No 1805 converteuse en Reino de Italia, con Napoleón como xefe do estado. Despois da derrota napoleónica en 1815, a maior parte do territorio cedéuselle a Austria.