Cisxordania
Territorio de Asia occidental situado ao O do río Xordán (5.878 km2; 2.020.298 h [estim 2000]), que abrangue as rexións históricas de Xudea e Samaria e os barrios árabes de Xerusalén oriental. Xunto coa franxa de Gaza, coa que está unida dende o 25 de outubro de 1999 por un “corredor de seguridade”, forma parte dos territorios administrados pola Autoridade Nacional Palestina (ANP) trala Declaración de Principios asinada entre Israel e a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) o 13 de setembro de 1993. A poboación é maioritariamente palestina (83%), aínda que no 2000 existían 260 asentamentos xudeus que agrupaban unha poboación de 343.000 h. Segundo a ANP, no 2000, as principais cidades eran: Hebrón (210.000 h, 450.000 h no seu territorio), Xerusalén (156.000 h, 219.000 h no seu territorio), Nābulus (130.000 h, 430.000 h na aglomeración urbana que forma con outros catro concellos), Rām Allāh (36.000 h, 275.000 h no seu territorio), Belén (28.000 h, 100.000 h no seu territorio) e Xericó (17.000 h, 30.000 h no seu territorio). O 20% da poboación árabe de Cisxordania vive na pobreza e os dereitos humanos están gravemente ameazados (deportacións, trabas para a libre circulación, violación do dereito á intimidade, execucións extrasumariais, etc), tanto polas autoridades israelís como palestinas.
Historia
Integrado no Imperio Otomano, tralo Pacto de Sykes-Picot (1916), polo que o Reino Unido e Francia se repartiron os dominios otomanos de Oriente Medio, pasou a formar parte de Palestina, sobre a que o Reino Unido exerceu un mandato da Sociedade de Nacións entre 1920 e 1948, independente de Transxordania dende 1921. As continuas loitas entre árabes e xudeus, que levaron á guerra civil (1936-1939) en Palestina, non se conseguiron resolver co Plan Peel (1937), polo que se propuña a división do territorio palestino entre árabes e xudeus. En 1947 a ONU recomendou a partición de Palestina e o 14 de maio de 1948 proclamouse o Estado de Israel sobre o territorio do antigo protectorado británico de Palestina e gran parte da poboación árabe abandonou a zona. Trala independencia de Transxordania (1948), o novo país invadiu Cisxordania, a franxa habitada maioritariamente por palestinos situada ao O do Xordán que quedara en territorio israelí, feito que levou ao rei hachemí a proclamar o Reino de Xordania en 1950. A Guerra dos Seis Días (1967) supuxo a ocupación definitiva deste territorio por Israel, ao que lle deu o status de territorio administrado, que mantivo os límites acordados no armisticio de 1949. A ocupación israelí enfrontouse cunha notable oposición palestina, especialmente virulenta a partir do comezo da Intifada (1987). En 1988 Hussein de Xordania cedeu á OLP os seus dereitos sobre este territorio, polo que Cisxordania pasou a constituír un dos territorios negociables entre a OLP e Israel, que, segundo os acordos asinados entre 1991 e 1993 por ambas as dúas partes, comezou un proceso que debía conducir á concesión de autonomía a determinadas áreas (zonas A, B e C, nas que a ANP exerce a súa soberanía en graos diferentes e sobre territorios concretos), que se ampliarían polos acordos de Oslo I (1994), Oslo II ou Taba (1995) e Hebrón (1996), asinado en Erez. Os acordos de Wye Plantation (1998) e Sharm-el--Sheij (1999), estableceron o repregamento israelí na zona. O calendario establecido para acadar a paz definitiva prevía chegar á concesión da soberanía palestina da Cisxordania en setembro do 2000; sen embargo, o proceso está paralizado dende a chegada ao poder do Likud e de Ariel Sharon ao goberno de Israel no 2001.