Cítara, La
Publicación que apareceu en Santiago de Compostela en 1882 e que cesou a finais dese ano. Néstor Pardo, propietario e director, editouna co subtítulo de “Revista científico-literaria”. Contaba, entre os redactores, con Lisardo R. Barreiro, Máximo Leyes Posse, Francisco Trelles, Isidoro Casulleras ou Bernardo Barreiro. Incluía colaboracións de Rosalía, Curros, Pondal, Vicetto, M. Murguía ou Pardo Bazán e acollía poemas de escritores descoñecidos e traballos sobre arte e historia. Publicou o “Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruido, despreocupado y compasivo” e dous relatos en galego de Francisco Romero. Para todo o referente á poesía apareceu a sección “Charadas”, coas firmas de Pilatos, Lois Tobío Campos, Lisardo R. Barreiro e Javier Valcarce. Dedicou unha edición especial co gallo da morte de Andrés Muruais.