cítrico -ca

cítrico -ca

(< lat citru ‘limón’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos cítricos. Ex: A produción cítrica do Mediterráneo está entre as primeiras do mundo.

    Ex: A produción cítrica do Mediterráneo está entre as primeiras do mundo.

  2. s m [BOT]
    1. Designación que recibe cada unha das pequenas árbores e arbustos da familia das rutáceas, concretamente do xénero Citrus. Tamén inclúe algún outro xénero moi afín, de froito en hesperidio, grande e comestible, de polpa (compartimentada en cuarteirón) con moito zume, aceda e rica en vitamina C, e de pel rugosa, coriácea e grosa, provista de numerosas glándulas oleíferas. Os cítricos máis importantes son as laranxeiras, os mandarineiros e os limoeiros, e tamén as cidreiras, as bergamotas e os pomelos, dos que se coñecen numerosas variedades e híbridos. Cultívanse, fundamentalmente, en moitos países subtropicais, nas zonas próximas ao mar ou de terra baixa, sobre solos ben drenados. Os cítricos non se comezaron a estender como cultivo comercial ata o final do s XVIII por algunhas rexións de Europa, especialmente na Comunitat Valenciana, e ata o final do s XIX por América do Norte. As plantacións de Asia, onde se orixinou o cultivo, continuaron coa súa forma tradicional e non teñen apenas valor comercial. Durante os anos sesenta, comezou a produción a grande escala das plantacións de Sudáfrica e Israel. Hai tres grandes rexións produtoras: América do Norte (especialmente nos estados de California e Florida); a conca do Mediterráneo, onde destacan Italia (limóns e laranxas), Israel (laranxas e pomelos), Exipto (laranxas), Turquía (mandarinas e limóns), Marrocos (laranxas e mandarinas) e España, sobre todo no Levante (laranxas, mandarinas e limóns). En Iberoamérica salientan Arxentina, Brasil e México. Outra rexión produtora, aínda que orientada ao autoconsumo, é a Asia monzónica (Xapón, India e China, principalmente).

    2. Froito dun cítrico. Ex: Podemos considerar o limón como o cítrico por excelencia.

      Ex: Podemos considerar o limón como o cítrico por excelencia.

  3. ácido cítrico [QUÍM]

    Ácido tricarboxílico amplamente distribuído en tecidos e líquidos orgánicos. Obtense do zume do limón e doutras plantas da familia dos cítricos, da piña americana e por fermentación fúnxica de melazas co fungo da especie Aspergillus niger. Emprégase para a elaboración de sales efervescentes, xaropes, bebidas aciduladas, etc. Úsase como regulador do pH, como antioxidante e antiespumante, e como reactivo analítico para a determinación de albumina, glicosa e pigmentos biliares.

  4. ciclo do ácido cítrico [BIOQ]

    Ciclo de Krebs.

Palabras veciñas

citral | citrano | citrato | cítrico -ca | citricultura | citrina | citrino -na