Ciudad de México

Ciudad de México

Capital dos Estados Unidos Mexicanos que constitúe un Distrito Federal da República (8.489.007 h [1995], na aglomeración urbana 20.000.000 h [estim 2000]). Emprázase sobre a antiga área lacustre de Texcoco, no altiplano de Anahuac, a máis de 2.200 m de altitude e 19° 0’ 24’’ de latitude N e 99° 9’ de lonxitude O.
Xeografía

Xeografía física
A altitude e a súa situación interior, protexida dos ventos mariños do SO pola Sierra Madre del Sur, matiza bastante os rexistros climáticos, especialmente os térmicos; malia estar nunha latitude tropical, sitúase baixo o dominio climático continental temperado, cunha temperatura media anual de 18,9°C. O total de precipitacións anuais é de 819 mm, recollidos en 142 días de chuvia. A súa localización palustre explica a natureza aluvial dos solos e o carácter chan do seu centro, que está rodeado de construcións volcánicas; as máis elevadas son as do S e SO, onde superan os 3.000 m de altitude (Cerro Cruz del Marqués, 3.900 m de altitude; Volcán Pelado, 3.620 m; Volcán Cuautzin, 3.510 m; Volcán Malacatepec, 3.450 m); no N só o Pico Tres Padres chega a esa cota (3.000 m). A presenza dese campo volcánico é indicativa da inestabilidade sísmica do lugar.
Xeografía humana
A condición capitalina converteu Ciudad de México nun lugar superpoboado: a aglomeración urbana concentra máis da quinta parte da poboación nacional e a densidade supera os 13.500 h/km2. Unha cuarta parte dos seus habitantes é de orixe amerindia; a gran maioría, case os dous tercios (60%), é mestiza, mentres que a minoría crioula (descendentes de europeos) -menos do 10% da poboación- constitúe a oligarquía que ocupa as instancias de poder. O espectacular crecemento vexetativo baséase nunha taxa de natalidade do 31‰. A xuventude da poboación (un 49% é menor de 19 anos) repercute nunha taxa de mortalidade moi baixa (o 6,7‰), que se reflicte nunha mortalidade infantil do 30,4‰ (fronte ao 16,4‰ do conxunto do país).
Xeografía económica
Ciudad de México lidera a economía dos Estados Unidos Mexicanos. Un 80% das empresas da República teñen o seu domicilio social na capital. Independentemente deste aspecto nominal, que pode ser máis aparente ca real á hora de xulgar a capacidade produtiva, cómpre destacar que a cidade xera o 36% do PIB nacional (porcentaxe bastante superior en relación á poboación, que constitúe aproximadamente o 22%). Ademais do sector industrial, destaca o sector terciario, moi diversificado e que ocupa o 60% da poboación activa. En canto a servicios, sobresae como centro de ensino superior: nas 35 institucións universitarias establecidas na cidade estudian máis dun millón de alumnos. Malia o seu dinamismo económico, un 40% dos traballadores están desempregados ou desenvolven a súa actividade laboral de xeito informal.
Os problemas medioambientais e habitacionais

O volume demográfico supón un grave problema de xestión de residuos: a cidade xera diariamente máis de 18.000 toneladas de lixo. O problema agrávase polas condicións de subdesenvolvemento nas que vive unha gran parte da poboación. Ao problema da infravivenda únese o da traída de auga, do que carece o 35,7% das vivendas; ademais, o promedio de residentes por vivenda é alto (4,8), feito que acentúa a repercusión das carencias hixiénicas. A falta de ordenamento urbanístico repercute nunha incidencia moi negativa da actividade industrial no medio: a cidade produce anualmente 4.300.000 t de contaminantes. Un corpus lexislativo escasamente esixente en materia urbanística e medioambiental é responsable de dous dos máis graves problemas da cidade: por unha banda, a especulación urbanística permitiu usos promiscuos do solo (as áreas industriais e residenciais coinciden na mesma localización), feito que provoca trastornos para a poboación e para o desenvolvemento da industria; por outra banda, a permisividade en materia medioambiental, unida á proliferación de industrias, provoca un grave problema de contaminación, especialmente atmosférica. As condicións climáticas da cidade, combinadas coa contaminación producida pola actividade fabril, orixinan persistentes néboas de partículas en suspensión sobre a cidade (smog) durante gran parte do ano, feito que repercute nun incremento da incidencia das enfermidades respiratorias e das alerxias.
Historia
Fundada polos mexicas ou aztecas co nome de Tenochtitlán o 8 de xuño de 1325, converteuse na capital do seu imperio e nunha das cidades máis grandes da América precolombina. A construción de infraestruturas de drenaxe e canalización permitiulles aos mexicas desenvolver un núcleo urbano ao redor dunha das illas do lago, que se constituíu en capital dun imperio estendido polo istmo de Tehuantepec ata a península do Yucatán. O grao de desenvolvemento que acadou reflectiuse no seu volume demográfico, estimado en máis de medio millón de habitantes ao comezo do s XVI. En 1521 Hernán Cortés destruíu gran parte da cidade e comezou a construción dunha nova, que se constituíu na capital do vicerreinado de Nueva España. O urbanismo castelán hipodámico impúxose sobre o trazado cosmolóxico co que os mexicas edificaran a súa urbe; mentres os casteláns ocupaban o centro da nova cidade, os indios situábanse nos barrios periféricos. Desde 1563 converteuse nunha cidade colonial tanto polo seu urbanismo como pola súa economía. No s XVIII transformouse nun importante centro cultural e financeiro grazas ao pulo da minería. Foi un dos escenarios principais da historia do país: capital da República tras acadar a independencia en 1821, capital do imperio en 1822, coa restauración da República en 1824 constituíuse en Distrito Federal. A desamortización de 1861 modificou a cidade colonial e trouxo un novo estilo máis simple e ecléctico ca os dos barrocos palacios coloniais. En 1874, durante a guerra cos EE UU, foi conquistada polas tropas estadounidenses. Tomada por Benito Juárez en 1861, estivo ocupada polos franceses (1863), que estableceron unha rexencia ata a chegada do Emperador Maximiliano, que gobernou entre 1864 e 1867. Foi protagonista da revolución iniciada en 1910 e en 1914 ocupárona Zapata e Villa. Despois de adaptarse ás sucesivas modificacións de marco legal e ámbito territorial que se produciron ao longo dos ss XIX e XX, integrou o Distrito Federal xunto con outras 15 delegacións: Álvaro Obregón, Azcapotzalco, Benito Juárez, Coyoacán, Cuajimalpa, Cuauhtemoc, Gustavo A. Madero, Iztapalapa, La Magdalena Contreras, Miguel Hidalgo, Milpa Alta, Tlahuac, Tlalpan, Venustiano Carranza e Xochimilco. Ademais do elevado número de habitantes, o espallamento da área urbana tamén se viu afectado polos condicionantes naturais que impón a súa localización sobre un terreo palustre cunha grande actividade sísmica, feito que desaconsella a edificación en altura. En 1985 sufriu un terremoto que provocou unha gran mortaldade, a destrución de numerosos edificios e a posterior reconstrución da cidade.
Patrimonio cultural
Da época dos mexicas consérvanse os restos do antigo templo de Tecnochtitlán. Da época colonial destacan a catedral, iniciada no s XVI pero rematada no s XIX, de planta rectangular con tres naves; as igrexas de Jesús e Santo Domingo, do s XVI; as igrexas de San Agustín e de San Bernardo, do s XVII; e a basílica de Guadalupe e a igrexa de San Lázaro, mostras do Barroco do s XVIII. Na primeira metade do s XIX dominou o neoclásico, coa construción do colexio de minería de M. Tolsá e a igrexa de Loreto. A obra máis relevante do s XX foi a construción da cidade universitaria. Entre as institucións culturais da cidade destacan o Museo Nacional de Antropología, o Museo Nacional de Historia e o Museo de la Ciudad de México.