Ciudad Rodrigo

Ciudad Rodrigo

Municipio da provincia de Salamanca, Castela e León, á beira do río Águeda, afluente do Duero (14.901 h [1996]). É centro comercial e de transaccións agrícolas e gandeiras. Os principais cultivos son o tabaco, as hortalizas e as árbores froiteiras. A industria está representada por pequenas fábricas de materiais de construción; tamén ten minas de uranio e tungsteno. O primeiro asentamento que se coñece é o da antiga Mirobriga céltica, descrita por Plinio como unha cidade estipendiaria da Lusitania. Non hai máis referencias ata o s XII, momento no que foi repoboada polo conde Rodrigo Fernández. Durante a guerra entre Pedro I o Cruel e Enrique II de Trastámara (s XIV), pasou temporalmente á Coroa de Portugal, unha praza pola que se discutiu durante varios séculos. Coa invasión musulmá a cidade quedou destruída. Fernando II de León, despois de reconstruíla, concedeulle foro (1185) e a categoría de bispado. Durante a Guerra de Independencia foi conquistada por Napoleón e recuperada por Wellington, suceso polo que recibiu o título de duque de Ciudad Rodrigo. Da muralla, iniciada por Fernando II en 1160, consérvanse restos dos ss XVII e XIX. No seu patrimonio destacan a catedral ou igrexa de Santa María, de estilo románico con tres naves, cruceiro e tres ábsidas; a capela de Cerralbo (1585-1685); o alcázar de Enrique II iniciado en 1372, o palacio dos Castro ou dos Montarco (ss XV-XVI); a casa do concello (s XVI) e as Tres Columnas, símbolo da cidade, que puideron pertencer a un templo romano.