Claparède, Édouard

Claparède, Édouard

Psicólogo suízo. Profesor de psicoloxía e de pedagoxía na Universidade de Xenebra, en 1901 fundou, con Théodore Flournoy, Archives de Psychologie, a primeira revista francesa de psicoloxía. A súa teoría funcional da educación traduciuse, no terreo práctico, na escola activa, onde calquera actividade está baseada na necesidade e no interese do neno, e deu fundamentación psicopedagóxica ao movemento europeo da escola nova, do que formou parte. Creou, en 1912, o Instituto Jean-Jacques Rousseau, denominado posteriormente Instituto de Ciencias da Educación, centro de estudo da formación da moderna pedagoxía europea, ata o momento da Segunda Guerra Mundial, ao que acudiron moitos profesionais españois da educación baixo o impulso da Junta para la Ampliación de Estudios. Os inspectores de educación da Coruña (dos anos 20 e 30), José Peinado Altabre e Manuel Díaz Rozas, mantiveron contacto con E. Claparède. Entre as súas obras están L’association des idées (A asociación das ideas, 1904), Psychologie de l’enfant et pédagogie expérimentale (Psicoloxía do neno e pedagoxía experimental, 1909), L’éducation fonctionelle (A educación funcional, 1921) e Morale et politique (Moral e política, 1940); todas elas se traduciron a outras linguas, entre elas ao castelán.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Xenebra

  • Deceso