Claridad
Publicación subtitulada “Semanario de Izquierdas”, de tendencia republicana, que se editou en Santiago de Compostela dende decembro de 1933 ata xuño de 1934. Na editorial do primeiro número anunciaban o seu propósito de converterse nunha publicación de loita e de crítica, voceiro da xuventude de esquerdas. Luís Seoane foi o cofundador e codirector deste semanario no que a maioría dos artigos viñan sen asinar. Realizaron traballos en castelán algúns galeguistas, como A. Villar Ponte, A. Rodríguez Elías ou E. Blanco Amor. No apartado de colaboracións artísticas participaron Castelao e Tisner. Os artigos ían dirixidos fundamentalmente aos obreiros, aos labregos ou aos estudiantes, cun claro apoio ao movemento republicano, á educación laica e á autonomía de Galicia. En abril de 1934 (nº 17), inseriu o artigo “A República cumpre tres anos” no que destacaban as colaboracións en galego. As achegas literarias desta publicación limitáronse a algún artigo sobre escritores, algunha copla política e un poema en portugués de G. Junqueiro.