claustro

claustro

(

  1. s m
    1. [ARQUIT]

      Recinto, normalmente cadrado, rodeado de muros con galerías cubertas e abertas cara a un patio, que serve de centro e comunicación ás principais dependencias do edificio onde se sitúa. Adoitan construírse nos mosteiros, nas catedrais, nas universidades e edificios similares. Os grandes mosteiros da Idade Media tiñan un claustro preto da entrada occidental do templo, con comunicación con este e con outras dependencias como a sala capitular, a sancristía, o refectorio, os dormitorios e o cárcere; e outro na parte leste, máis pequeno e retirado, reservado ao abade e aos dignatarios, proximo á biblioteca, á sala de copistas, á enfermería e ao cemiterio. Normalmente, as galerías estaban situadas na planta baixa e construíanse con gran simplicidade, con columnas e arcos de pedra pero con algún corpo de madeira, que era propio das galerías altas, cando estas existían. Nos mosteiros e nas catedrais, as columnas arrancaban dunha base común ou poio que podía servir de asento; nas universidades e nos edificios civís arrancaban directamente da terra. Entre os claustros románicos máis notables destacan os de San Juan de la Peña e Santo Domingo de Silos, en España; Saint Trófim d’Arles e a abadía de Moissac, en Francia; e os de San Paolo Extra Muros e a catedral de Monreale, en Italia. Entre os góticos destacan os das catedrais de Burgos, León e Toledo, en España; os de Le Mont-Saint-Michel e a catedral de Rouen, en Francia; os da catedral de Gloucester e a abadía de Westminster, en Inglaterra; e os da catedral de Maguncia e Hildesheim, en Alemaña. En Galicia, a maioría dos claustros conservados son construcións monásticas da época renacentista e barroca. O primitivo claustro medieval da catedral de Santiago de Compostela iniciouse durante o arcebispado de Xoán Arias, pero substituíuse polo trazado por Juan de Álava no s XVI, aínda que non se completou ata o s XVII polo que presenta unha combinación de trazos góticos, renacentistas e barrocos. Tamén son románicos os claustros da colexiata do Sar, do que só se conserva o seu lado norte, xa que foi substituído por outro no s XVIII, e o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. O único claustro medieval conservado nas catedrais galegas é o de Tui, construído no s XIII en estilo gótico. Tamén gótico é o claustro do antigo convento de San Francisco de Ourense e o claustro das Nereidas de San Xián de Samos, construído durante o s XVI. No s XVI ademais do da catedral de Santiago de Compostela destacan, entre outros, o claustro dos pináculos de Oseira, o claustro antigo ou das procesións de San Salvador de Celanova, rematado en estilo barroco no s XVIII, o claustro da portería de Monfero ou o claustro da hospedería de Montederramo. No s XVII construíronse, entre outros, o claustro novo e o das oficinas en San Martiño Pinario, o de San Domingos de Bonaval, o claustro dos peregrinos de Sobrado dos Monxes e o claustro do Poleiro de Celanova. Xa no s XVIII, Fernando de Casas rematou o claustro da catedral de Lugo e traballou en San Martiño Pinario, neste século tamén se construíu o claustro grande de Samos, de estilo clasicista e un dos de maiores dimensións. Por último, Miguel Ferro Caaveiro é o autor do claustro do edificio novo da Universidade de Santiago de Compostela, actual facultade de Xeografía e Historia, xa con características e decoración neoclásicas.

    2. Lugar de residencia dunha comunidade de frades ou monxes pertencentes a unha orde relixiosa.

      Ex: Mentres pertenceu á orde gozou dunha vida retirada no claustro.

      Sinónimos: convento.
    3. A vida ou o estado monástico. Ex: Os frades louvaban as excelencias do claustro en contraposición á vida civil.

      Ex: Os frades louvaban as excelencias do claustro en contraposición á vida civil.

  2. s m [EDUC]
    1. Órgano supremo corporativo da universidade, formado polo rector, os vicerrectores, os decanos, os catedráticos numerarios, os profesores, os representantes do estamento discente e do persoal non docente. Está rexido por uns estatutos, que establecen a composición, a organización e as normas de funcionamento. Ex: O claustro universitario reuniuse esta semana por mor da folga dos estudiantes.

      Ex: O claustro universitario reuniuse esta semana por mor da folga dos estudiantes.

    2. Xunta de profesores e, se é o caso, de representantes do estamento discente e do persoal non docente dun centro de ensino. Ex: O claustro de profesores acordou por unanimidade a expulsión dun alumno.

      Ex: O claustro de profesores acordou por unanimidade a expulsión dun alumno.

  3. s m [ANAT]

    Lámina delgada de materia gris situada en cada hemisferio cerebral.

  4. claustro materno [ANAT]

    útero.