Clermont-Ferrand
Capital do departamento de Puy-de-Dôme, na Auvernia, Francia (136.583 h [1999]). Situada ao pé do Puy-de-Dôme, no val do Allier, converteuse no principal núcleo do Macizo Central francés e no centro da industria do caucho (Michelin). A cidade ten unha dobre orixe: por unha banda, Clermont, fundada polos romanos, chegou a ser capital da Auvernia; anexionada á coroa francesa a mediados do s XVI, converteuse en capital do ducado da Auvernia; doutra banda, Montferrand, fundouse cara ao s XI preto de Clermont, cidade coa que se uniu en 1630 para formar a actual cidade. Durante a Idade Media celebráronse diversos concilios en Clermont, entre os que cómpre destacar o de 535, que defendeu a liberdade das eleccións episcopais e condenou a simonía e, sobre todo, o de 1095, onde se proclamou a primeira cruzada para a liberación de Xerusalén. No seu patrimonio sobresae a igrexa de Nôtre-Dame du Port (s XII), de estilo románico auvernés, e a catedral gótica de Nôtre-Dame (1248-metade do s XIV) na que a fachada e as torres foron realizadas por Viollet-le-Duc. O Musée Bargoin acolle unha colección arqueolóxica, pictórica e escultórica.