clorofíceo -a
(< cloro- + gr ϕῦκος ‘alga’)
-
adx
Relativo ou pertencente ás clorofíceas.
-
s
f
[PROTISTA]
Alga da clase das clorofíceas.
-
s
f pl
[PROTISTA]
Clase de algas que coloniza unha ampla variedade de hábitats; pódense atopar tanto en solos agrícolas ou cascas das árbores como en augas continentais ou mariñas, aínda que a maioría das especies viven en augas doces. As máis delas son microscópicas, algunhas unicelulares monadais (Pediastrum, Closterium), outras coloniais (Volvox) e moitas, filamentosas (Spyrogira, Zygnema e Ulotrix). A cuberta verde que aparece nos solos e nas rochas húmidas, nas pozas ou nas augas paradas dos regatos, son algas verdes deste tipo, que lle deben a súa cor á presenza dun pigmento (clorofila b) semellante ao que presentan os fentos, as plantas con flores e os musgos. As especies mariñas de maior tamaño son as que presentan unha morfoloxía laminar (Ulva e Prasiola), tubular ou filamentosa (Enteromorpha, Chaetomorpha e Cladophora)) ou cilíndrica e esponxosa (Codium). Viven na zona intermareal dos rochedos e, raramente, nas marismas, pero sempre en zonas nitrificadas e cunha gran cantidade de materia orgánica, polo que as densidades altas de Enteromorpha son indicadoras da presenza de focos de contaminación por augas fecais ou de desaugadoiros. Tamén pertencen a esta familia os xéneros Chara e Nitella.