clorofila
(< lat científicochlorophylla < gr χλωρός ‘verde’ + gr ϕύλλον‘folla’)
Pigmento verde que presentan as plantas e os protocariotas fotosintetizadores, de estrutura porfirínica cun átomo de magnesio central. Existen varias clorofilas que se distinguen polos radicais que se unen a esta estrutura porfirínica. As principais clorofilas son as a e b presentes nas plantas superiores e nas algas verdes; para a clorofila a, R=CH3, e para a b, R=CHO. A clorofila c está presente en diatomeas, dinoflaxeladas e feofíceas fundamentalmente, a clorofila d nas rodofíceas e a bacterioclorofila nas bacterias. As diferencias entre estas clorofilas son relativamente pequenas, pero todas teñen a súa función específica na fotosíntese; cada unha absorbe unha franxa de lonxitudes de onda diferente. Nas plantas superiores, a clorofila está nos cloroplastos. Industrialmente, emprégase na preparación de cosméticos e desodorizantes.