cloroplasto
(< cloro- + plasto)
Orgánulo propio da célula vexetal, onde ten lugar a fotosíntese. Ordinariamente é de cor verde, pola clorofila que contén, aínda que pode estar enmascarado por outros pigmentos (carotenos, ficobilinas). Ten formas variables nas algas, pero nos briófitos e nas plantas superiores é biconvexo, cunhas dimensións de 3-10 μm de diámetro e 1-2 μm de grosor. A miúdo, os cloroplastos circulan polo citoplasma e incluso poden orientar as súas superficies de acordo coa luz. No seu interior adoita presentar unhas estruturas moi refrinxentes, como os pirenoides (que conteñen amidón) e gránulos de amidón independentes. O cloroplasto está limitado por unha dobre membrana, constituída por dúas membranas unitarias. A membrana interna continúa no interior do cloroplasto nun sistema membranoso de lamelas ou tilacoides, onde se concentra toda a clorofila. As lamelas fusiónanse terminalmente por parellas formando uns sáculos, que se amontoan e constitúen os granas. A membrana dos tilacoides está constituída por partículas denominadas cuantosomas, consideradas como unidades funcionais da fase lumínica da fotosíntese. O sistema de membranas do cloroplasto está inmerso nun líquido viscoso e escuro, o estroma. A enerxía lumínica cáptana os granas, onde ten lugar a fase lumínica da fotosíntese, que comporta a escisión da auga. No estroma desenvólvese a fase escura, que consiste na redución do dióxido de carbono e no almacenamento da enerxía obtida na fase lumínica. Os cloroplastos divídense por escisión durante a interfase e, ao dividirse a célula, repártense equitativamente entre as células fillas. Conteñen unha pequena cantidade de ADN capaz de sintetizar ARN. Tamén conteñen ribosomas, diferentes dos do citoplasma e bastante semellantes aos das células procariotas. Aínda que a maior parte da súa actividade vén regulada polo núcleo, esta dotación xenética propia asegúralles unha certa continuidade xenética e unha dependencia fisiolóxica parcial. Segundo diversos autores, os cloroplastos poden derivar de protocariotas fotosintetizadores que pasaron dende moi antigo á vida endosimbiótica, ata o punto de quedaren baixo a dependencia obrigada e case total do núcleo do hospedeiro.