coatí
(< tupí kua’ti)
Mamífero dos xéneros Nasua e Nasuella da familia dos prociónidos, de ata 60 cm de lonxitude corporal e con 75 cm de cola. Ten o fociño longo e flexible, as orellas e os ollos pequenos, a cola erecta e longa, que lles serve de contrapeso mentres gabean, e as patas dianteiras con fortes garras, que emprega para escavar na procura de alimento. O seu pelame é moi denso e de cor vermella, máis escuro nos pés e nos aneis da cola. É un animal basicamente insectívoro e fruxívoro. Vive nos bosques e nas selvas de América Central e do Sur. A femia e as crías forman pequenos grupos familiares. Os coatís pasan a noite subidos ás árbores en niños de pólas e follas. Existen catro especies: Nasua nasua, de cara negra e coas partes inferiores brancas; Nasua nelsoni, de cola máis curta ca o corpo e restrinxido á illa de Cozumel; Nasua narica, de pelame cinsento ou pardo e cunha franxa arxéntea arredor do fociño; e Nasuella olivacea, ou coatí de montaña, de pelame pardo oliváceo con aneis negros ao redor do fociño e dos ollos.