Cobas Gómez, Xosé
Ilustrador. Realizou estudios empresariais e graduouse en Artes Aplicadas e Deseño en Santiago de Compostela. Compaxina a pintura, o debuxo e a ilustración co deseño gráfico, actividade que exerce dende 1991 na Deputación da Coruña. Expuxo como pintor na Asociación de Artistas da Coruña (1977), na Bienal Nacional de Pontevedra (1978), na Bienal Internacional de Pontevedra (1979), na Galería Sargadelos (1989) e na Galería Pardo Bazán (1990), entre outras; como ilustrador participou en Galicia solidariedade. Exposición de ilustradoras e ilustradores galegos de Literatura infantil (1994), As cores do vento (1997), na Feira Internacional do libro infantil e xuvenil de Boloña (1999), no Salón do Cómic (1999) e El Ratoncito Pérez (2000), entre outras. Entre os seus libros ilustrados de literatura infantil e xuvenil destacan A nena de auga e o príncipe de lume (1989), O país durminte (1992), Fantasía en re maior (1994), O pazo baleiro (1997), O home que inventou unha maneira de andar (1998), Palabras envoltas en cancións (2000), Nube de neve (2000) e Aire sonoro (2000); ademais ilustrou o Dicionario de términos de Arqueología y Prehistoria (1995), O serodio remordemento dun amor (1995), Magnetismo (1996) e diversos libros de texto.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Logrosa, Negreira