Cochabamba
Capital do departamento homónimo, Bolivia, situada nun altiplano (a 2.559 m de altitude) nos contrafortes da Cordillera Real, nos Andes (457.881 h [1995]). Pola súa orixe colonial, a cidade ten unha planta regular, con camiños amplos, rectos e edificios de pouca altura. É o centro dunha rica rexión agrícola e núcleo industrial, no que destacan a fabricación de prendas de pel e algodón, ademais do comercio de cereais. Posúe unha central termoeléctrica e refinerías de petróleo. O seu centro de ensino superior é a Universidad Mayor de San Simón, creada en 1832. Fundada por Sebastián Barba de Padilla co nome de Villa de Oropesa (1574), foi escenario dunha revolta con motivo dun aumento nos tributos no ano 1730. No 1786 cambiou o seu nome polo actual. Desde o primeiro momento uniuse ao movemento independentista iniciado en La Paz (14.9.1809). Do seu patrimonio arquitectónico destacan as igrexas de San Francisco (s XVI) e da Merced (s XVII), o convento de Santo Domingo (s XVIII) e a catedral (s XVIII), da que só conserva a fachada.