códice
(< lat cōdice, decaudice)
-
-
s
m
Nome do libro antigo e medieval, procedente do codex latino, diferente do rotulus (rolo de papiro ou pergamiño). Os máis antigos (s II-I a C) realizáronse en pergamiño ou papiro. Trátase dun libro manuscrito elaborado manualmente cun valor histórico a artístico, anterior á invención da imprenta, aínda que ás veces tamén se denominen códices algúns libros manuscritos posteriores ao s XV. Caracterizábanse por estar compostos por cadernos (reunión de catro follas grandes pregadas), pola diversidade nos sistemas de ordenación dos cadernos (a paxinación numérica aparece a partir do s XII), pola división da páxina (en varias columnas) e pola súa forma cadrada ou rectangular. As encadernacións eran rústicas e fortes, e as cubertas eran, en xeral, de madeiras finas recubertas de coiro, con ou sen cantos metálicos e peches de simple pergamiño, excepto nas luxosas encadernacións litúrxicas. A transmisión manuscrita das Cantigas de Santa Maria do Rei Afonso X está ben definida e é completamente allea á do resto da produción poética galego-portuguesa por canto as cantigas afonsinas están conservadas en catro códices: Códice de Toledo (TO), Códice I.b.2 do Escorial (E), Códice T.I.1 do Escorial (T) e Códice da biblioteca Nacional de Florencia (F); todos eles confeccionados no scriptorium do rei castelán e, probablemente, supervisados por el mesmo. Destes códices, T e F constitúen os dous volumes dun mesmo proxecto editorial. Trátase dunha colectánea única e unificada, froito dun proceso de reordenación do material a medida que se ían modificando as metas e compilando máis textos. Suponse que, inicialmente, o rei pretendía reunir unha colección de cen cantigas, estruturadas arredor do número 10, xa que dentro do cancioneiro se reservaron os números decenais para albergar unha cantiga de loor, copiada despois de nove de milagre. O número total de cantigas (100 = 10 x 10), á parte da propia significación de número da totalidade, ponse de relevo ao marcar o número 50 cunha cantiga que contiña as sete dores da Virxe, simétrica á primeira cantiga de loor, e situada no medio desta e da última de petiçon, formada por 10 estrofas de 10 versos cada unha. Ao mudar a intención e desexar ampliar a colección, a orde desta primeira colectánea modificouse, tanto pola inserción de novo material como polos cambios na concepción do proxecto final, que se estendeu máis alá das 400 cantigas, e incluía o desexo de acompañar os textos con miniaturas amais da música.
-
códice antigo [lat: códice antiquior/vetustissimus]
Códice máis antigo de todos os que conserva unha determinada obra.
-
códice arquetipo [lat: codex archetypus]
Primeiro dos exemplares oficiais dunha obra clásica corrompido por copias posteriores, en particular as realizadas durante a Idade Media.
-
códice bíblico
Códice que contén a Biblia ou unha parte, sobre todo se é moi antigo, de xeito que poida considerarse próximo ao texto orixinal.
-
códice descrito [lat: codex descriptum/recentior]
Copia realizada xeralmente por humanistas italianos e considerada de menor calidade ca o arquetipo, inda que pode corrixir erros do ascendente, contaminar con tradicións perdidas e traer leccións útiles para reconstruír a vida histórica dun texto.
-
códice óptimo [lat: codex optimus]
Códice que conserva, en xeral, as mellores leccións dun texto.
-
códice único [lat: codex unicus]
Documento único conservado dunha obra antiga.
-
s
m
-
s
m
[RELIX]
Parte do misal e do breviario que contén os oficios concedidos particularmente a unha diocese ou corporación.
-
códice diplomático
Recompilación sistemática ou cronolóxica de documentos relativos a unha cidade, unha entidade ou unha persoa.