Códice Calixtino
Poemario publicado por Luz Pozo Garza en 1986. O tema central é o amor, asociado á plenitude e ao sentido da existencia en contraposición coa morte. Esta dualidade de amor e morte exprésase a través da oposición entre luz e sombra. É unha poética simbolista influenciada por León Felipe, Juan Ramón Jiménez, Arthur Rimbaud, Victor Hugo e Rosalía de Castro, citados explicitamente. Nun segundo nivel, poetízase o tema da terra e da problemática social que cobra relevancia progresivamente. Organízase en dous grandes bloques formados por un “Limiar” -que contén un único poema- e un núcleo composto por 28 poemas distribuídos en tres apartados, aos que lle hai que engadir un prólogo e un epílogo. No prólogo exprésase a idea da poesía como poema único que ilumina a realidade e como forma de coñecemento á que cada poeta engade a súa proposta persoal; o “Limiar”, dedicado ao poeta Eduardo Moreiras, introduce o tema do amor, un sentimento total, absoluto e eterno, tecido nunha longa historia de luces e sombras xunto ao mar de Vigo. A loita entre o amor e a morte está presente e o espazo externo do amor é Compostela, que representa a meta de sucesivas peregrinacións amorosas necesarias para acadar ese sentimento eterno que supere as sombras do tempo e do espazo da existencia. Os apartados “Idea dunha cidade escura” e “Homenaxe”, desenvolven unha temática existencial, relacionada estreitamente coa social. O libro perfílase como unha metáfora do mundo a través dos poemas, que son á vez antídoto contra as propias sombras (medos, angustias, perdas, etc) da autora, onde a morte e a nostalxia do perdido son motivos dominantes. Nas composicións, cunha linguaxe predominantemente alegórica, téntase apreixar a vida que foxe a través da evocación do tempo pasado e dos lugares, persoas e cousas desaparecidas, xunto con notas de reivindicación social. Emprega recursos técnicos e linguaxes propias da música e da pintura; hai constantes alusións á arte e á tradición musical desde Martin Codax, Bach, Chopin ou Beethoven ata o son da choiva. Paralelamente utiliza termos musicais ao lado de imaxes de gran plasticidade nas que é importante o uso simbólico da cor.