Códice I.b.2 do Escorial
Cancioneiro do s XIII conservado no mosteiro de San Lorenzo de El Escorial (I. b. 2), que contén parte das Cantigas de Santa María. Da mesma extensión que T + F, é o manuscrito que contén case a totalidade das cantigas marianas de Afonso X (416 textos). Está copiado en pergamiño, con escritura gótica a dúas columnas e iniciais en cor azul e encarnada. Presenta notación musical pero non as páxinas miniadas de T e F; sen embargo, as 40 cantigas de loor e a primeira cantiga están adornadas cunha viñeta a ancho de columna que representa diferentes personaxes tocando variados instrumentos musicais, polo que se coñecen como miniaturas dos músicos, designación que se estende ao códice enteiro, coñecido como Códice dos músicos. Para levar a cabo este proxecto de recoller 400 cantigas, facían falta 359 das de milagre, pero ao rematar o códice aínda faltaban algunhas (quizais se estivese traballando simultaneamente neste códice e en F, que quedou incompleto), polo que se repetiron sete milagres (373, 387, 388, 394-397). O manuscrito ábrese coa composición de Prólogo das cantigas das cinco festas de Santa María, seguido de once cantigas, das que cinco son do mesmo tipo e as outras seis -entre elas, dúas repeticións- son cantigas de temática mariana diversa. A seguir vén o Prólogo, o índice das cantigas, a Intitulatio e 400 cantigas numeradas no centro da imaxe do folio correspondente, a cantiga 401 (de petiçon) e a 402 (de rogos). No folio 361, un copista identifícase como Johannes Gundisalvi. A cronoloxía deste códice e de F está aínda sen resolver de maneira definitiva, e só o estudo dos datos históricos que conteñen as propias cantigas poden contribuír a fixar as datas. Así, pódese supoñer un período comprendido entre 1264-1274 para a confección da primeira colección, 1274-1280 para T, que sería continuado por F, aínda que quedou sen rematar, e 1280-1284 para E, á vez que podería continuarse a traballar sobre F.