Códice T.I.1 do Escorial
Cancioneiro do s XIII conservado na Real Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial (T, I. 1), que contén parte das Cantigas de Santa María. Adoita ser coñecido co nome de “códice rico” debido ás exquisitas páxinas miniadas (212 con 1264 viñetas) que acompañan os textos. Copiado en follas de pergamiño de vitela de 486 por 332 mm, con escritura gótica francesa a dúas columnas, contén, ademais, a notación musical completa, ás veces para o texto enteiro. Ao comenzo de cada cantiga debuxouse unha letra capital, de entre tres a catro cm, con predominio das cores azuis. O texto está escrito en tinta negra, excepto os versos correspondentes ao refrán, que se copiaron con tinta encarnada. Ao decidirse a continuación do proxecto inicial e, polo tanto, comezar a luxosa confección de T, o material que contiña a primeira colección tivo que reordenarse (dispuxéronse as cantigas respectando a inicial sucesión de cantigas de milagre e a décima de loor, de xeito que as cantigas con ordinal acabado en 5 correspondesen a poemas longos que se adornarían con dúas páxinas miniadas en vez dunha soa como lles correspondía ás outras), e a cantiga 50 (actual 403) substituíuse por outra, xa que non tiña sentido nunha colección de 200; se ben, por problemas de conservación só presenta 195, catro delas fragmentarias. Pero, sobre todo, houbo que corrixir os versos nos que se facía mención expresa do número 100 do proxecto orixinal, polo que o verso 25 da Intitulatio tivo que modificarse por “Fezo cantares e sões”, e o primeiro da actual cantiga 401 en “Macar poucos cantares acabei e con son”. O códice comeza co índice das cantigas (incompleto) ao que lle segue o fragmento dunha cantiga das festas de Cristo, o Prólogo, a Intitulatio e 192 cantigas numeradas (das que tres son fragmentarias e unha non ten música). Por perda de folios, faltan as cantigas 40 e 150 e da 195 á 200. Contén tamén as prosificacións castelás de 24 das primeiras 25 cantigas (da 2 á 25), dispostas normalmente por baixo das correspondentes miniaturas como se se tratase dun comentario ás mesmas, en letra e calidade de tinta moi diferentes, e en mal estado de conservación. Este códice, xunto con F, presenta ilustracións a toda páxina, en formatos multicompartimentados en viñetas enmarcadas correspondentes a cada cantiga -a excepción das rematadas en numeral cinco que ocupan un bifolio-, polo que se coñecen tamén como Códices das historias. Aínda que tradicionalmente se ten resaltado a influencia francesa na iconografía destes códices, supoñendo que mestres galos se desprazasen á corte castelá para levar a cabo a súa tarefa, outras investigacións subliñan diferencias entre uns e outros: fronte aos fondos dourados e de cor saturada das ilustracións francesas, nas Cantigas déixase o pergamiño á vista, que se aproveita como fondo; a concepción da figura humana responde a diferentes canons de proporción e a interpretación do espazo é novidoso, con intención de finxir un espazo tridimensional, ausente nos códices franceses. Estes trazos emparentan os códices afonsinos cos códices decorados na corte siciliana de Federico II, feito que permite supoñer que algúns miniaturistas da corte mediterránea acudiron a Sevilla para contribuír ao miniado das Cantigas. O carácter multicultural do scriptorium de Afonso X implica falar, máis que de influencias máis ou menos evidentes, dun equipo de iluminadores de formación francesa, siciliana, hispano-cristiá e hispano-musulmana que traballaban xuntos, intercambiando fórmulas, modelos e solucións, feito que dá lugar a un peculiar modelo de representación de situacións reais ou verdades teolóxicas por medio de imaxes.