código

código

(

  1. [DER]
    1. s m

      Recompilación de normas legais sobre unha rama do dereito ordenadas metódica e sistematicamente. O código é unha expresión do proceso de codificación que se iniciou no s XIX, con antecedentes nas recompilacións normativas imperiais, como o Códice de Xustiniano. Os novos códigos xurdidos do proceso de codificación son máis que meras ordenacións cronolóxicas, xa que están estruturados sistematicamente e constitúen un corpo legal novo, aínda que se fundamenten en leis e costumes xa existentes.

    2. código civil

      Ordenamento xurídico positivo que regula as relacións entre particulares. O primeiro código civil foi o Código de Napoleón, promulgado en 1804, que tivo unha ampla repercusión en Europa e América a partir da segunda metade do s XIX, agás nos países anglosaxóns. Así, publicáronse códigos civís que tiveron unha grande influencia na maior parte das democracias populares en Alemaña en 1896, en Italia en 1856 e 1933, e na Unión Soviética en 1922. En España o proceso de codificación do ordenamento civil foi dilatado e discutido, por mor da difícil compilación das normas, da existencia de dereitos forais e das diferentes plasmacións constitucionais. Así, existiu un primeiro intento na Constitución de 1812, un proxecto en 1821 e unha lei de bases de 1888, ata rematar en 1889 coa promulgación do actual código civil español, que consta dun título preliminar e catro libros, divididos en capítulos e seccións. O libro primeiro trata sobre as persoas; o segundo, sobre os bens, a propiedade e as súas modificacións; o terceiro, sobre os diferentes modos de adquisición; e o cuarto, sobre as obrigacións e os contratos.

    3. código de comercio

      Ordenamento positivo que regula as relacións xurídicas de carácter mercantil. O código de comercio francés de 1807 foi o primeiro e o inspirador da maioría dos existentes. O código de comercio español segue o modelo francés e recolle o tradicional dereito marítimo mediterráneo. O primeiro código de comercio promulgouse mediante un decreto real en 1829 e pasou a constituír a lexislación mercantil única de España, ao tempo que desprazou o resto de normas mercantís. En 1885 promulgouse un código de comercio novo, vixente na actualidade, e que consta de catro libros: dos comerciantes e do comercio en xeral, dos contratos especiais do comercio, do comercio marítimo e da suspensión de pagamentos e da quebra.

    4. código penal

      Ordenamento racional e sistemático dos enunciados xurídico-penais que establece os delitos e as penas. O código penal máis antigo é o francés, que data de 1810. En España, a historia da codificación penal é longa e comprende unha diversidade de códigos, herdeiros da situación política existente. O primeiro código español foi o de 1822, como reflexo da influencia francesa e do enciclopedismo. Volveron promulgarse códigos penais en 1849, 1870, 1928, 1931 e 1945, ata chegar ao de 1973, que consta de tres libros: o primeiro, sobre as disposicións xerais dos delitos e faltas, as persoas responsables e as penas; o segundo, sobre os delitos e as súas penas; e o terceiro, sobre as faltas e as súas penas. En 1995 aprobouse un novo código penal adaptado á Constitución española de 1978.

    5. código penal militar

      Corpo legal que establece e sistematiza a lexislación penal relativa ao exército. Constituíu unha especialidade do código penal ordinario fundamentado na necesidade de manter unha forte disciplina entre as forzas armadas.

    6. código procesal

      Texto de dereito positivo que regula o sistema de administración de xustiza. En xeral, está constituído por dous textos independentes, un dedicado ao procedemento civil e outro dedicado ao procedemento penal. En España recibe o nome de Lei de Enxuizamento Civil (1881) e Lei de Enxuizamento Penal (1882).

    1. s m

      Conxunto de regras que rexe un dominio ou un aspecto que se expresa, seguindo o modelo do código, forme parte ou non dunha rama xurídica.

      Ex: Para aprobares o exame teórico de tráfico tes que saber o código de circulación.

      Sinónimos: regulamento.
    2. código alimentario / [ALIM/DER]

      Conxunto das normas de cada estado sobre os produtos alimentarios, as materias primas e os materiais anexos (envases, material das instalacións, desinfectantes, etc). O código, creado como defensa do consumidor, comprende regulacións sobre etiquetado, composición, denominación de orixe, aditivos, colorantes, residuos de pesticidas, calidade microbiolóxica e procesos de todos os alimentos para animais e certos produtos domésticos de uso frecuente na cociña ou de posible inxestión polos nenos (mistos, colorantes dos xoguetes, etc). Tamén inclúe o método de mostraxe e de análise. O código alimentario de España, publicado o 21 de setembro do 1967, establece as directrices da lexislación positiva e inclúe cinco grandes apartados: os principios elementais; as condicións xerais do material, os tratamentos e o persoal relacionado cos alimentos, o establecemento e as industrias de alimentación; os alimentos e as bebidas; os aditivos e as impurezas dos alimentos; e os produtos relacionados directamente cos alimentos (pensos, fertilizantes, parasiticidas, artículos hixiénicos e de uso doméstico, cosméticos, deterxentes, combustibles domésticos, tinturas, mistos, etc). O desenvolvemento e a concreción das normas xerais do código lévanse a cabo mediante as regulamentacións técnico-sanitarias que especifican os requirimentos de diferentes alimentos ou de grupos de alimentos, ou que fixan algúns aspectos en particular. O feito de que a fisioloxía do ser humano sexa o suxeito dos códigos alimentarios, independentemente da súa nacionalidade, fixo xurdir un movemento de coordinación dos distintos códigos que chegou a formar un Codex alimentarius de aplicación universal.

    1. s m

      Sistema de signos que permite crear e descifrar mensaxes e regras que serven para combinalos. Ex: O código de sinais que creamos para o xogo era moi produtivo.

      Ex: O código de sinais que creamos para o xogo era moi produtivo.

    2. s m

      Signo ou conxunto de signos que teñen un valor concreto dentro dun código determinado. Ex: Todos os números de teléfono comezan polo código territorial.

      Ex: Todos os números de teléfono comezan polo código territorial.

    3. código alfabético internacional

      Conxunto de palabras convencionais utilizadas internacionalmente para identificar con facilidade a letra pola que comezan, na transmisión de mensaxes telefónicas ou radiofónicas. Noméanse as palabras unha tras outra, para significar a letra inicial.

    4. código de barras

      Conxunto de barras de diferentes grosores que forman un rectángulo impreso sobre os produtos que se venden e que se pode traducir mediante un lector de raios láser. O código numérico de trece cifras -impreso baixo as barras- identifica cada artigo comercial dunha maneira inequívoca. As dúas primeiras cifras do código indican o país de orixe do produto; as cinco seguintes identifican o produto e o seu peso; mentres que a última de todas é un díxito de control. A súa lectura electrónica permite o cómputo instantáneo dos prezos de venda e a actualización permanente das existencias. Un ordenador le o código de barras realizando un escaneado por medio dun dispositivo dotado de luz láser ou que contén unha fonte de luz e unha célula fotoeléctrica. O código de barras máis familiar é o Universal Produt Code (Código universal de produto), empregado nas caixas rexistradoras nos supermercados. Os códigos de barras serven tamén para codificar moitos tipos de datos, incluídos programas completos de ordenador. Os códigos de barras circulares úsanse algunhas veces nas caixas ou nas equipaxes, onde se poden ler desde diferentes direccións.

    5. código de cores

      Código empregado para indicar valores numéricos sobre resistencias e condensadores, consistente nunhas marcas de cores (raias ou puntos) en número de 3 a 5. A primeira indica a cifra das decenas, a segunda, a das unidades e a terceira, o número de ceros que hai que engadir para obter os valores numéricos correctos. Este expresa a resistencia en Ω ou ben a capacidade en μF. A cada cor correspóndelle unha cifra segundo o código seguinte: negro 0, marrón 1, vermello 2, laranxa 3, amarelo 4, verde 5, azul 6, violeta 7, gris 8 e branco 9. A cuarta marca, facultativa, expresa a precisión (dourado, 5%; prateado, 10%; sen marca, 20%). A quinta emprégase nos condensadores para indicar a tensión máxima que poden soportar.

    6. código de nomenclatura

      Código adoptado en congresos internacionais que fixa as regras de nomenclatura dos diferentes tipos biolóxicos.

    7. có-digo internacional de sinais/código de sinais

      Catálogo internacional de sinais coas equivalencias e significados dos golpes de luz ou das bandeiras alfabéticas, agrupadas nunha, dúas ou tres bandeiras. Aprobado pola OMI (Organización Marítima Internacional), está traducido aos idiomas marítimos máis empregados para facilitar a transmisión de mensaxes entre os buques (entre eles ou cos semáforos marítimos) e as costas de calquera lugar do mundo.

    8. código numérico

      Código no que o xogo resultante só contén cifras.

    9. código postal

      Número de cinco cifras que permite identificar a zona de repartición do correo.

    10. código telegráfico

      Código empregado para a transmisión telegráfica de mensaxes. O máis coñecido é o código ou alfabeto Morse internacional, que consta de puntos e raias; outros máis perfeccionados son os códigos de 5 momentos, como o código Baudot, empregado nas teleimpresoras. Hai tamén códigos de 6, 7 e 8 momentos.

  2. s m [LING]
    1. Sistema formal de comunicación compartido polos participantes, como pode ser o galego ou a linguaxe dos xordos.

    2. Calquera sistema de signos usado para enviar mensaxes, a miúdo de forma secreta, como pode ser a linguaxe utilizada por grupos da hampa.

  3. [INFORM]
    1. s m

      Correspondencia entre os caracteres dun xogo (denominado xogo de orixe) e os caracteres doutro xogo (denominado xogo resultante), de acordo cun conxunto de convencións denominadas regras de codificación. O único código que a máquina entende é o código binario, que se denomina linguaxe máquina. Para evitar que o operador lle teña que dar as instrucións en linguaxe binaria, creáronse linguaxes simbólicas (Algol, Cobol, Fortran, Basic, etc), que o mesmo ordenador traduce a linguaxe máquina.

    2. s m

      Sistema de caracteres utilizado por esta codificación.

    3. có-digo alfabético

      Código no que o xogo resultante só contén letras.

    4. código alfanumérico

      Código no que o xogo resultante contén letras e cifras.

    5. código binario

      Código baseado en dous valores (0 e 1) que constitúe o elemento esencial da informática tal e como se coñece.

    6. código réflex

      Código de distancia unidade, binario, construído a partir do código de distancia unidade de dous bits.

  4. código de conduta persoal [COMUN]

    Normas que dirixen o comportamento individual da persoa e que determinan a súa actitude á hora de adquirir algún produto ou servicio determinado.

  5. código da mensaxe [COMUN]

    Elementos que se empregan para conformar unha mensaxe publicitaria; por exemplo cores, formas, imaxes, sons, etc.

  6. código xenético [XEN]

    Información xenética contida na secuencia de bases da cadea do ácido nucleico. Cada triplete ou codón, constituído por tres bases consecutivas, codifica un aminoácido, de xeito que se establece unha correspondencia entre a secuencia de bases do ADN e a proteína. Polo xeral, a síntese de proteínas non se efectúa en contacto directo co ADN, senón a través dun intermediario que é o ARN mensaxeiro. Cada triplete do ARN mensaxeiro emparéllase exclusivamente cun tipo concreto de ARN de transferencia que ten o triplete complementario (anticodón), polo que cada codón determina a adición dun aminoácido específico á cadea polipeptídica en crecemento. Como a molécula de ácido nucleico ten catro bases diferentes, teoricamente sería posible codificar 4 3 =64 aminoácidos; pero isto non é así porque só hai 20 aminoácidos, co que algúns veñen determinados por máis dun codón (codóns sinónimos). Por este motivo dise que o código xenético é dexenerado. Entre os 64 codóns posibles hai tres que indican a fin da tradución.