Código de Eurico
Primeiro texto legal visigodo localizado na Península Ibérica, elaborado polo xurisconsulto León e promulgado polo Rei Eurico entre o 466 e o 481 na cidade de Tolosa; por este motivo, tamén se denomina Código de Tolosa. Estruturábase en títulos e capítulos, dos que se conservan do 276 ao 336, con lagoas polo medio. A obra lexislaba para toda a poboación visigoda, seguindo o principio de nacionalidade do dereito, polo que unha persoa integrada nun grupo se rexe xuridicamente polas normas propias da súa comunidade de orixe. Nos casos que afectaban a varios pobos ou a individuos de distintas nacionalidades, debería producirse unha professio iuris, unha declaración formal do Dereito polo que se rexía o suxeito en cuestión, en función da súa nacionalidade. A súa importancia radicou en proporcionar coherencia a unha tradición xurídica diversa e permitir, polo tanto, a organización do reino.