Código de Xustiniano

Código de Xustiniano

Recompilación das constitucións imperiais promulgada por Xustiniano no ano 529. A promulgación de novas constitucións polo mesmo Xustiniano fixo necesaria unha segunda edición revisada, que é a que actualmente se conserva, e que recibiu o nome de Codex Repetitae Praelectionis (534). O código componse dunhas 4.650 disposicións imperiais sistematizadas en doce libros, divididos por materias, en seccións e títulos. O primeiro trata das fontes do dereito; dende o segundo libro ao oitavo, do dereito privado; o libro noveno, do dereito penal; e os tres últimos, do dereito público. Esta segunda edición é a que, posteriormente, se incorporou ao Corpus Iuris Civilis.