Coe, Sebastian Newbold
Atleta. Especializado en carreiras de medio fondo, estableceu, ao longo da súa traxectoria deportiva, doce plusmarcas mundiais en catro distancias (800 m, 1.500 m, 1.000 m e a milla). Proclamouse campión olímpico dos 1.500 m nos Xogos de Moscova (1980) e Los Angeles (1984), feito que o converteu no primeiro atleta que conseguiu revalidar o título olímpico nesa distancia; ademais obtivo senllas medallas de prata nos 800 m neses mesmos campionatos. Foi tamén campión de Europa de 1.500 m e 800 m (Stuttgart, 1986), campión de Europa de 800 m en pista cuberta (Donostia, 1979), vencedor da Copa do Mundo en 1979 e 1981, e medalla de bronce e prata nos campionatos europeos de Praga (1978) e Atenas (1982), na proba dos 800 m. No verán de 1979 superou de xeito consecutivo as plusmarcas mundiais de 800 m (5 de xullo), da milla (17 de xullo) e dos 1.500 m (15 de agosto). Os técnicos da federación británica de atletismo non o convocaron para os Xogos Olímpicos de Seúl (1988), argumentando problemas de saúde; pero, vinte días despois de rematados os Xogos, acadou a súa mellor marca nos 1.500 m (3’ 29’’ 77). Outra das súas plusmarcas, a dos 800 m (1’ 48’’ 72) permaneceu imbatida entre 1981 e agosto de 1997. Licenciado en Economía e Historia Social pola Loughborough University (1979), ingresou no Partido Conservador e en 1992 foi elixido membro da Cámara dos Comúns en representación dun distrito de Cornualla. En 1997 ingresou no Comité Olímpico Internacional e, malia perder o seu escano no Parlamento, foi nomeado secretario do líder da oposición. Recibiu o Premio Príncipe de Asturias en 1987 e no seu país os títulos de sir e lord.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Chiswich, Londres