Coimbra

Coimbra

Capital do distrito homónimo, na rexión da Beira Litoral, Portugal, situada na marxe dereita do río Mondego (147.722 h [1991]). Comprende dúas áreas urbanas: a cidade vella, que ocupa a parte máis alta, e a cidade moderna, que se estende ao longo do río. O seu clima é temperado, cunha temperatura media de 15°C. A fabricación de calzado, xabóns e cerámicas son as principais achegas do sector industrial. Ademais é un centro comercial importante, no que destacan as exportacións de produtos agrícolas (laranxas e limóns). Posúe un centro de ensinanza superior, a Universidade de Coimbra, fundada en 1290. No lugar da actual cidade houbo desde o s II a C unha vila fortificada chamada Aeminium. Foi conquistada polos musulmáns no 715 e tomada por Afonso III de León. Ocupada novamente polos árabes no 987, foi definitivamente reconquistada por Fernando I de Castela no 1064. Entre 1139 e 1385 foi capital do reino portugués. Participou na revolta da independencia (1640). No s XVII pasou a ser sé do bispado da veciña Conímbriga, e adquiriu o seu actual topónimo. Rebelouse contra os franceses en 1808, pero retomárona os invasores en outubro de 1810 e arrasárona. Entre os seus monumentos destacan a porta de Almediana e a torre da Estrela, vestixios da época romana, a catedral románica ou Sé Velha (s XII), a Sé Nova (1598-1698), a colexiata de Santiago, cunha fachada románica de finais do s XII, o mosteiro de Santa Cruz, que acolle os sepulcros de Afonso Enríquez e Sancho I, e os manuelinos Palácio Real e Hospital Real. No antigo palacio episcopal instalouse o Museo Machado de Castro.