Coirós, San Xulián de

Coirós, San Xulián de

Igrexa parroquial situada en Coirós. Construíuse a finais do s XII ou a principios do s XIII. Consta dunha soa nave, con ábsida de planta rectangular, cuberta cunha bóveda de canón apuntado e reforzada cun arco faixón de igual directriz. O arco triunfal é apuntado e dobrado, a rosca menor sostense por dúas semicolumnas con bases de características áticas, adornadas con follas, relevos en zigzag e sogados. A decoración dos capiteis é vexetal e está formada por talos curvos que se unen no extremo superior en forma de piñas ou de volutas. Este modelo repítese nunha das cestas que rematan as columnas que sosteñen o arco faixón, mentres que na outra presenta unha orde de follas anchas, sen nervios e rematadas en pomas. No exterior do testeiro da ábsida, ábrese unha fiestra formada por dúas arquivoltas rodeadas por unha chambrana de billetes, a rosca menor apóiase nun par de columnas acobadadas sobre bases áticas e con capiteis con follas pegadas á cesta e rematadas en pomas, sobre as que se asoman unhas volutas.