Collins, Michael
Político irlandés. Aos 15 anos trasladouse a Londres, onde foi un membro activo da Irish Republican Brotherhood (Irmandade Republicana Irlandesa, IRB), partido que logo presidiría. En 1916 regresou a Dublín co obxectivo de organizar a insurrección do día de Pascua, feito polo que sería detido. En 1917, trala súa liberación, foi elixido membro da executiva do Sinn Fein; encargouse, daquela, de crear unha rede de espionaxe e de buscar apoios económicos para a loita armada, que estaría en mans do escuadrón dos Doce Apóstolos. En 1919, despois de que os representantes do Sinn Fein elixidos en 1918 constituísen o ilegal Dail Eireann e proclamasen a República de Irlanda Libre, ocupou a carteira de Finanzas do goberno clandestino de Eamonn de Valera; ademais, nese mesmo ano acadou o cargo de comandante do Irish Republic Army (IRA). A dureza coa que os británicos reaccionaron ante eses feitos levárono a organizar unha loita de guerrillas que culminou co Domingo Sanguinolento (21.11.1920), no que o escuadrón que el dirixía asasinou a 14 oficiais británicos. O 6 de decembro de 1921 asinou, xunto con Arthur Griffith e coa oposición de De Valera, o Tratado Anglo-Irlandés polo que Irlanda (agás o Ulster) obtiña o estatuto de dominio baixo o nome de Estado Libre de Irlanda, con goberno independente e Parlamento propio. En 1922, trala aprobación do Tratado polo Dail Eireann, foi nomeado comandante en xefe do Irish Free State Army, as forzas armadas do novo Estado. No transcurso dunha misión destinada a evitar a guerra civil en Irlanda, morreu asasinado nunha emboscada preto de Cork.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Clonakilty, Cork -
Deceso
Lugar : Béal an Blath