Colmeiro González, Elena
Ceramista, filla do pintor Manuel Colmeiro. Residiu en Arxentina (1941-1955), onde comezou a súa formación. En 1948 ingresou na Escuela Nacional de Cerámica de Bos Aires para realizar estudios técnicos e pedagóxicos co obxectivo de obter o título de profesora na especialidade de materiais cerámicos como expresión plástica. En 1954 realizou a súa primeira exposición en Bos Aires. En 1955 regresou a España e realizou unha exposición na desaparecida Sala Velázquez, en Vigo. Posteriormente, instalouse en Madrid, onde recibiu dúas bolsas da Fundació Joan March (1964 e 1968). A súa obra caracterízase pola experimentación con materiais refractarios e óxidos, con carburos silicios e pola aplicación das cores. As súas pezas, de gran formato, incorporan o espazo como un elemento máis das mesmas. Evolucionou dende unhas primeiras pezas inspiradas na artesanía tradicional ata a abstracción. Ademais de realizar exposicións en Galicia e España, celebrou mostras en Bruxelas, A Haia e Londres (1972), entre outras cidades. Creou tamén obras de carácter público, como o Mural do aeroporto de Santiago de Compostela (1980), a escultura na autoestrada do Atlántico (1989) e o Mural da Casa de cultura de Quiroga (1991). Entre os galardóns que recibiu destacan o primeiro premio na Exposición de Cerámica del Casino de Mar de Plata (Bos Aires, 1951), o premio de honor no II Salón Nacional de Artes Plásticas (Bos Aires, 1952), o primeiro premio na Bienal de Uruguay (1966) e a Medalla de Ouro da Exposición Internacional de Cerámica de Faenza (1967). Está representada nos principais museos galegos e estatais.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Silleda